Artigos

Onte 1556: Acordo acrobático

david_friedrichUn xornalista italiano cualificou como acrobático o acordo acadado onte entre JxS e Cup que investirá o luns a Carles Puigdemont como novo presidente da Generalitat durante os vindeiros dezaoito meses da que os asinantes denominan como «lexislatura de desconexión». Un acordo que tamén debe ser cualificado como histórico, xa que para os soberanistas supón, tras a suspensión por parte do Constitucional da declaración de independencia do 9 de novembro, a continuidade do «procès» e das medidas de desconexión con España alí previstas. Un acordo que, ademais, determinará o futuro inmediato da política española, tanto na formación do futuro goberno como no proceso de fragmentación e consolidación de novas forzas políticas, singularmente as artelladas arredor de Podemos.

Xaora, este acordo amosa que tras un proceso de diálogo sen exclusións nunha negociación política os resultados poden ser raros ou imprevistos. Así sucedeu nas últimas corenta e oito horas catalás, fose por que ambas as dúas partes negociadoras precisaban acordar, xa que outras eleccións fundirían o «procès», a Mas e quizais á propia Cup (a Generalitat con certeza manexaría as súas enquisas), fose pola capacidade persuasiva dos mediadores da Asemblea Nacional Catalá (ANC) ou pola audacia, afouteza ou intelixencia dos protagonistas. Nese contexto enténdense que ambas as dúas partes sacrificasen algunhas das súas pezas, JxS a presidencia para Mas, a Cup dúas das súas actas e a composición do seu propio grupo parlamentario.

No entanto, é máis dificilmente explicable o patético exercicio de adanismo de Artur Mas anunciando e interpretando en clave persoal o acordo, tanto fachendeando de que «lograron o que as urnas non nos deron» como aludindo aos sacrificios dos que serán socios de lexislatura do seu partido, o mesmiño que el se compromete a refundar. Un espectáculo que imaxino avergonzou ás máis de tres mil persoas que participaron na última asemblea da Cup.

Secomasí, para comprender dende Galicia a complexidade do acordo e mesmo para non perder os detalles do contexto, é máis aconsellable ca nunca consultar as interpretacións que fan os diversos medios cataláns, o que non servirá, ademais, de vacina fronte a treboada unionista que con certeza se aveciña.

Onte 1456: Catalás 27S. Os matices

Junts-CUP-recalca-candidato-president_EDIIMA20150928_0495_18Tras os resultados definitivos das eleccións catalás, chega o momento de estudar matices e establecer marxes de acción.

O primeiro matiz é o de determinar a porcentaxe real de votos das opcións independentistas, 47,74 % se sumamos Junts e CUP, pero que podería superar o 50 % se engadísemos apenas un terzo dos que poderían corresponder ao polo soberanista de CatSiqueesPot, o que non parece ningún disparate. Se ao 56,71 % que apoian o dereito a decidir engadimos o 12,74 % dos votos correspondentes ao PSC e o 2,5 % de Unió que propoñen formas dun estado federal, obtemos unha cifra esclarecedora. o 71,96 % do electorado que acudiu as urnas o domingo expresa unha clara vontade de que se modifique o actual estatus político de Catalunya.

O segundo matiz refírese ao realismo da CUP ao considerar a porcentaxe do 47,74 % insuficiente para formalizar unha declaración unilateral de independencia, a pesar de que expresa que foron máis os votos a prol da independencia que os votos que se poden considerar en contra, 39,17 %.

O terceiro matiz obriga ás forzas políticas soberanistas a fiar aínda máis fino. Máis alá do estudo das cifras dos apoios recibidos por elas e polas forzas unionistas debe valorar o nivel de cohesión do conxunto da sociedade catalá á hora de asumir esta polarización electoral que non está ainda decantada definitivamente. Non esquezamos que a cohesión cidadá é un requisito indispensable para facer recoñecible internacionalmente calquera proceso de creación dun novo estado.

O cuarto matiz anuncia que os resultados do domingo dificultan (ou impiden) a reelección de Artur Mas como president da Generalitat, abrindo no taboleiro posibilidades audaces como a que propuxo onte Pablo Iglesias dun goberno de forzas de esquerda, para o que sería indispensable que os electos de ERC rompesen con Convergencia, o que semella case política ficción. En todo caso, semella que a continuidade do proceso soberanista non está condicionado pola continuidade ou a marcha de Mas.

E quinto matiz, na confrontación entre os partidos de obediencia española, nas eleccións do domingo gañou con claridade o polo conservador de Ciutadans e PP sobre o dificilmente asociable como de esquerda de PSOE, Podemos e IU, o que constitue un precedente a ter en conta para as Xerais de decembro.

Onte 1455: Catalás 27S

catalas_2015

Despois de chegar da asemblea da Iniciativa pola Unión, na que demos outro pasiño más no proceso tan esperanzoso coma complexo de formación dunha candidatura unitaria galega, seguimos os resultados das eleccións catalás e as súas interesadas interpretacións nos medios madrileños. Non hai dúbida que as opcións polo dereito a decidir (Junts, CUP e CatSiqueesPot) obtiveron clara maioría popular (56,71 % dos votos) e que as independentistas (Junts e CUP) gañaron as eleccións por clara maioría absoluta de escanos, mais non de votos, razón pola o mandato que recibiron é insuficiente para unha proclamación unilateral de independencia e deberán continuar alentando o proces. O incremento moi importante do voto a Ciutadans, xa a primeira forza unionista, a costa da desfeita do Partido Popular, agóiralle a Rajoy grandes dificultades nas Xerais de decembro. A capacidade de resistencia do PSC na área metropolitana de Barcelona freou as posibilidades de sorpasso de CatSiqueesPot, fórmula á que o talisman de Podemos non reforzou como era previsible. Xaora, este resultado axustado, que dificultará a Artur Mas a formación de goberno, servirá tanto para a continuidade do proceso soberanista como para a renegociación do estatus de Catalunya no marco dunha reforma constitucional, á que non será allea a máis que previsible presión dos socios europeos. Nese contexto, o resultado das Xerais será decisivo para darlle unha saída a este bloqueo, onde Galicia debería contar coa súa voz soberana.

Onte 1439: Via Lliure

diada_2015O novo éxito da Díada supón a consolidación do empoderamento dunha cidadanía catalana disposta a participar na construción dun novo país e a reclamar un novo estatus de Catalunya con España e con Europa. Un proceso de empoderamento, que no tempo coincidiu con movementos como o 15M, no que foi decisivo o peso das organizacións cívicas e sociais agrupadas na Assemblea Nacional Catalana. As fotografías desta Via Lliure da Meridiana expresan que foi un día de festa, de ledicia e esperanza compartida por moitas persoas. O carácter plebiscitario das eleccións do 27S protagonizou esta convocatoria soberanista. Tras as enquisas publicadas esta semana e despois desta gran manifestación independentista é moi probable que no 27S as candidaturas soberanistas (a lista unitaria de Junts pel Si e a da CUP) obteñan unha maioría absoluta apretada, cuxa xestión será complexa e consecuencias políticas impredicibles. Con todo, chama a atención o esforzo do Partido Popular por intensificar esta polarización, que entende lle favorecerá fóra de Catalunya nas xerais de decembro.