Onte 1823: SES ou a causa da ledicia
O concerto de onte de SES no Auditorio Mar de Vigo demostrou a madurez acadada pola cantora bergantiñá, probablemente, unha das mellores aparicións na música popular galega desta década. Dúas horas e media nas que unha artista total, intérprete e compositora, foi debullando o seu discurso musical anticonformista e resistente que propón adoptar a causa da ledicia como a forma máis eficaz de opoñerse á extinción da lingua e da cultura galegas ou como xeito para combater a desigualdade e violencia que sofren as mulleres, entre outras formas da actual malicia capitalista.
Unha cantora de raíz e formación inequivocamente popular que coñece os rexistros da música de estirpe que comparte cun repertorio marabilloso de músicas americanas, tanto as formas do rock and roll e o rhythm and blues do norte, como as latinas do sur, que tan ben se axeitan na súa voz a nosa lingua.
Un concerto moi coidado en todos os eidos da produción, dende a iluminación ao vestiario das cantoras, no que SES argallou unha lista de temas variadísima e divertida nos contidos e nos ritmos, onde se presentaron algúns dos novidosos do cuarto disco, Opoñerse á extinción, mais no que tamén estiveron presentes outros clásicos dos discos anteriores como “Non son fada” ou “Como eu canto”, coreados por un público, maioritariamente feminino.
Xaora, foron momentos espectaculares da noite a interpretación de “Tambores de mar”, que dedicou aos picariños presentes, “Milonga de aquí”, na que lembrou aos presos independentistas galegos, e “Semente de vencer”, dedicada a Sementes, escolas de fala galega. Como tamén o foi a homenaxe a Ana Kiro versionando “Galicia, terra meiga” ou o tema que fixo coas súas tres compañeiras cantoras de homenaxe ás pandereteiras. Magníficos foron os tres bises nos que mesturou a súa coñecida versión de Guantanamera, “Labregha berghantiñana”, con “Porco blues” (ao xeito Janis Joplin) e “Tempestades de sal”, toda unha inxección de esperanza e leidicia para resistir en tempos ruíns. Mágoa que o público vigues non enchera completamente o auditorio nun concerto que non será doado esquecer. Unha gran SES.