Onte 1259: Luís Mera
Triste, moi triste, foi a nova do pasamento de Luís Mera, fundador de CC.OO en Ferrol, secretario do Club de Prensa de Ferrol durante moitos anos, editor entregado e paciente que mimou a revista de pensamento Ferrol Análisis, impulsor do Ateneo Ferrolán e de tantas actividades culturais e cívicas realizadas en Ferrol nas últimas catro décadas. Coñecímolo hai vinte anos, cando organizamos en Ferrol (1994) os premios Xerais no edificio do Hospital da Caridade. Como asesor cultural do concello foi un anfitrión xeneroso, acolledor e agarimeiro onde os houbese, capaz de solucionar todas as dificultades. Dende entón. non perdemos o contacto e en cada unha das nosas visitas a súa discreción e bo criterio sempre nos guiaron nunha cidade onde por ventura foi benquerido e admirado. Melómano teimoso, Luís Mera gustaba da música, mais tamén da lectura, da reflexión serena e do pensamento crítico. Home de acordos e afectos, lembrarémolo sempre con admiración e saudade.