Onte 1056: Prexuízos
Os responsables do Club Dux de Sanxenxo pararon o concerto de Mónica de Nut e Virixilio da Silva ao terceiro tema aducindo que a música da cantante viguesa de jazz «no encaja con el local». Outra volta apareceron os prexuízos, esas lentes deturpadas sobre o noso idioma e a nosa cultura, que invalidan o traballo dunha artista galega de proxección internacional, convidada a participar no ciclo de jazz do Club 1906. Outra vez poñénse en evidencia que algúns artistas galegos teñen maiores dificultades para ser aceptados na propia terra ca alén dela. Imaxino que os donos do (selecto) Club Dux de Sanxenxo, onde se debe cortar o mellor que chega de fóra, entenden que a actuación desta artista autóctona pode facerlles perder un gramo do seu glamour. E iso non o poden permitir. Xaora, estou certo de que a pesar dos seus prexuízos neopailáns, serán moitos os seus clientes, mesmo os que chegan estes días de Madrid con corte incluída, que posúen curiosidade abonda e bo criterio artístico para gozar da música en galego de Mónica e Virxilio que fusionan jazz e música tradicional de noso. Mágoa destes xestores de tres pesetas. Mágoa!