Onte 1824: Centralismo visceral
A polémica provocada por algúns medios deportivos madrileños a raíz da suspensión do Celta-Real Madrid previsto para onte é apenas a punta do iceberg do centralismo máis reseso que poidamos imaxinar. Pouco lle importa a estes medios os perigos que o vendaval da galerna puidese ocasionar nas persoas (espectadoras, xogadores ou persoal de reparación das cubertas), cando para eles están en xogo os intereses do seu Madrid, ese equipo que xa non ten datas para as dúas competicións nas que agora participa. Ese centralismo tolo que non ve máis que para os seus dous equipos capitalinos e para o Barça, como o seu “eterno rival”, e ao que nada importa o resto dos equipos, considerados apenas como comparsas e atrezzo, ameaza con estragar o interese das competicións e convertir a temperados celtistas ou deportivistas en novos arredistas.
É tan difícil comprender que ventos superiores aos 100 km/h poden provocar estragos importantes, como os de Riazor e Balaídos, que obrigaron aos concellos a ser prudentes e suspender os partidos desta fin de semana de severa galerna para milleiros de familias galegas? É tan díficil comprender que eses danos non poden ser reparados até que remita o temporal? É tan dificil entender que a seguridade das persoas está por riba dos intereses do Real Madrid? Ese centralismo visceral, de corazón tan branco, expresado de forma soez onte nas redes, é apenas un síntoma da grave e vella doenza de uniformismo (non só político) que padece a sociedade española. Temo que non é doado superala.