Onte 607: O libro dos amigos de Carlos Casares
Transcorridos apenas once anos do pasamento de Carlos Casares, o escritor Rafael Laso xuntou nun volume as testemuñas de trinta e tres amigos do autor de Vento ferido. Un libro que constitúe tamén unha primeira achega biográfica á traxectoria vital e literaria de Casares, ao tempo que un álbum fotografico con instantáneas moi simpáticas e agarimosas do escritor de Xinzo. Laso tivo a deferencia de convidarme a participar no libro con esta entrevista:
1. Como vías a CC (como escritor, como persoa)?
–Lembro a Carlos Casares con moitas saudades. Carlos foi un compañeiro editor, co que compartín xuntanzas, proxectos, viaxes, xantares e moitas horas de conversa; mais Carlos tamén foi para min un autor de referencia como lector, ao que seguín, libro a libro, dende 1975, artigo a artigo, día a dia. Carlos foi sempre un referente.
2. Que faceta de CC destacarías?
–Carlos foi un narrador nato que posuía unha curiosidade vital permanente. Utilizou os soportes da narración oral, onde foi un xigante, como os dos diversos xéneros narrativos, fose os de rexistro longo, como a novela, como os máis breves, que empregaba decota nos seus artigos diarios. Esa curiosidade levouno a interesarse por todas as novidades, especialmente as tecnolóxicas, das que foi un adiantado na cultura galega. Casares cría que unha lingua e cultura de dimensión reducida coma a nosa tiña na innovación tecnolóxica a súa mellor oportunidade de futuro. Moitas veces teño pensado canto celebraría fitos da cultura dixital que non coñeceu como a aparición dos blogs (dos que foi pioneiro sen sabelo) e das utilidades hipertextuais e multimodais como youtube, a popularización dos e-books, a disrupción que supuxeron os teléfonos e taboíñas dixitais ou a transmisión por streaming de actos nas instalacións do Consello da Cultura Galega, institución que contribuíu a modernizar durante os anos nos que foi o seu presidente.
3. Que calidades destacarías na súa escrita?
–Fose nas historias breves sobre as miudallas autobiográficas do cotián vivido ou lembrado, escritas a correr no despacho ou no aeroporto, mais coa fluidez, a claridade e a retranca dos seus relatos orais de cafetaría, Carlos sempre achegaba unha faísca de luz, un fulgor que irradiaba sentido no coñecemento da alma humana. Outrosí tamén é o meu Casares preferido o dos relatos de “Vento ferido” e “Os escuros soños de Clío”, mesmo o dos medidísimos textos de literatura infantil como “A galiña azul” ou “As laranxas máis laranxas” o do narrador depurado que consigue unha prosa transparente, afastada de calquera grandilocuencia que vai directa ao corazón do lectorado.
4. Se tiveses que escoller unha soa, con cal das súas obras te quedarías? Por que?
–A pesar de que non me gustan moito este tipo de eleccións, probablemente quedaría por unha razón afectiva con «Vento ferido», xa que foi un dos primeiros libros galegos que eu lin.
5. Que cres que lle debe a cultura galega a CC?
–Carlos foi home que pretendeu forxar acordos básicos, algo moi valioso par a cultura galega, do que hoxe carecemos. Iso foi unha das súas achegas significativas. Tamén o foi o seu espírito innovador e prospectivo, como o seu compromiso e interese pola proxección internacional da nosa lingua e literatura.
6. Se che fose posible, que lle preguntarías hoxe a CC?
–Preguntaríalle onde mercou o teclado que incorporou ao seu Ipad.
A foto de grupo tomouna Xurxo Lobato o 11 de novembro de 2001, o día que asinamos con Santiago Rey o contrato para a publicación da Biblioteca 120. Entre os nove editores galegos que participamos naquel extraordinario proxecto figuraban Carlos Casares e Isaac Díaz Pardo. A miña lembranza para eles dous. A foto da maqueta ferroviaria (unha das paixóns de Carlos) é de Guillermo Cameselle (xullo de 1995).