Onte 1706: Ler é vivir moito máis e moito mellor
Carles Capdevila, o director de Ara, publica en Twitter enlaces e reflexións educativas moi interesantes. Onte lembraba o cuarto aniversario do pasamento do escritor Emili Teixidor e recuperaba un texto extraordinario, «Ler é vivir moito máis e moito mellor», no que o autor de Pá negre ofrecía catorce reflexións sobre o libro e a lectura que pagan moito a pena traducir en síntese, como recurso didáctico:
1. «As palabras, a lectura, ordenan a cabeza. Ter un bo vocabulario é coma ter un armario ordenado onde atopamos axiña o que buscamos.»
2. «Os libros son a memoria do mundo.»
3. «Ler e falar dá felicidade, fainos saír de nós mesmos e liberarnos.»
4. «Cada vez que lemos un libro, as palabras reviven e a cabeza se nos enche de vida e por iso podemos dicir que os libros son conservas de vida que gardamos nas bibliotecas e nas casas para alimentar o cerebro: os pensamentos, as fantasías, así como as emocións… Ler é vivir moito máis e moito mellor. Ler non só ocupa o meu tempo, ler cubre e engade valor a miña vida.»
5. «Contaxiar o desexo de ler é como contaxiar calquera outra convicción profunda: só se pode conseguir, ou mellor intentar, sen imposicións, polo simple contacto, imitación ou sedución.»
6. «Que satisfacción pode sentir un alumno nun ensino dunha lingua centrado en regras ocas e estruturas sintácticas faltas de sentido, estériles, de costas á formación literaria?»
7. «A literatura pode axudar aos xoves a distanciarse dos seus sentimentos, de xeitos que os poidan observar, comprender e adaptarse a eles.»
8. «Un mestre que non le nunca só poderá transmitir o seu propio baleiro.»
9. «Non se trata de ler só o que é politicamente correcto, hai que procurar ler o que é literariamente correcto.»
10. «Se non facemos amar as palabras e a arte máxima das palabras, que é a poesía, os mozos non amarán a poesía.»
11. «Unha persoa adulta, un pai ou un mestre non poden menosprezar nunca os libros escollidos libremente polos xoves. Sería como burlarse dos seus gustos persoais. A lectura tamén é unha mecánica e estes libros poden axudalos como mínimo a ler con maior fluidez. Xa descubrirán textos mellores.»
12. «Somos humanos porque temos palabras e podemos falar con outras persoas e con nós mesmas. Cantas máis palabras teñamos, máis humanos somos.»
13. «Se non proporcionamos palabras abondas para os nosos xoves, non os axudaremos a ordenar as súas emocións e os seus pensamentos e nin sequera a ser máis felices.»
14. «A imaxe futura do mundo depende da capacidade de imaxinación dos que hoxe, agora, aprenden a ler. A lectura non é tan só un xogo intelectural, senón que é a única maneira de entender o mundo, a única que permite usar “os lentes da complexidade” nun mundo que tende á simplicidade e á banalidade.»