Onte 1035: A cara da derrota
A de Messi foi onte a cara da derrota. Declarado pola FIFA como o mellor xogador dun campionato onde apenas brillou, o arxentino non puido agochar a decepción cando perdeu esta oportunidade de convertirse noutra das grandes estrelas da historia, á altura de deuses como Di Stefano, Maradona ou Pelé. En toda a competición, como durante a durísima final de onte fronte Alemaña, agardábase apenas un alustro do seu xenio, un instante decisivo nun caneo ou nun lanzamento, unha superioridade que non apareceu. Aí a súa decepción. O percorrido polas escaleiras do palco de Maracaná para recoller o balón de ouro foi un dos máis tristes da súa vida. Messi é consciente que o maior fracaso é o que un sinte, esa dor poderosa que non hai analséxico nin adulación que a poida mitigar. Non foi este o seu mundial nin tampouco o de Neymar nin o de Cristiano Ronaldo nin o de Luis Suárez, figuriñas que neste campionato enfrontáronse coas súas limitacións e expectativas, quizais, desmesuradas. Todos os catro, considerados os mellores futbolistas do mundo, os mellor pagados, os máis mimados e aclamados pola bancada e pola prensa, non puideron evitar un aceno de tristeza cando na soidade do vestiario se puxeron diante do espello para resolver o vello dilema entre o valor e a gloria, alí estaba a cara da derrota.