Listado de la etiqueta: cámbiache_o_conto

Onte 1729: Terceiro día na Feira do Libro da Coruña

Feira_do_Libro_da_Coruña_03-08-2016

Pechamos onte a participación de Xerais na programación da Feira do Libro da Coruña 2016 coa moi exitosa asinatura de Ledicia Costas e coas presentacións dos libros de Alberto Canal, Pinto & Chinto e Ramón Nicolás. Unha feira que non nos defraudou tanto pola importante participación do público en todos os nosos actos coma pola visibilidade que supuxo para as nosas novidades recentes. Máis alá da polémica sobre a nova ubicación, que debe ser avaliada polos organizadores e os responsables actuais do concello, e dalgunhas rixideces (evitables) no desenvolvemento do horario de peche da programación, esta Feira do Libro da Coruña amosou que aínda hai importantes posibilidades de mellora para un evento de éxito que dentro de cinco anos chegará o seu cincuentenario.

MB_Alberto_Canal_03-08-2016

Comezou a tarde coa presentación d’ O amor nos escuros días de Birkenau, a segunda novela de Alberto Canal, unha importante peza da literatura do holocausto en lingua galega. Na súaintervención o autor explicou as razóns que o levaron a escribir esta novela despois dunha visita profesional a Polonia: “o Holocausto buscounos”. “Non quixen reflexar tanto a parte máis escabrosa do Holocausto e da vida nos campos de exterminio, centreime na parte que entendo máis esperanzdora, na relación entre un preso político alemán e unha xudia, que manteñen unha relación amorosa, mentres outros presos preparan un complot para liberar Birkenau”. “Comprobei polas declaracións de varios presos que dentro de campos de exterminio  como Auschwitz, existía espazo para o amor, concibido como unha saída persoal para estas persoas que vivían unha situación límite.”

MB_Pinto_Chinto_03-08_2016

Pinto & Chinto presentaron Cámbiache o conto!, unha obra na que deconstrúen os contos tradicionais de Grimm, Andersen ou Perrault. Carlos López (Chinto) confesou que a faceta de Pinto & Chinto como humoristas gráficos vai á par do seu traballo como autores de literatura infantil e xuvenil. “A intención deste libro, que fun escribindo ao longo de moito tempo, foi facer a miña versión dos contos clásicos que todos coñecemos de Cincenta, Polgariño, Pinocho, Alí Babá ou a Bela Dormente”. Na súa intervención David Pintor (Pinto) explicou como afrontaba a ilustración dun texto, “traballo que con Carlos é moi fácil porque os seus textos suxiren moitas imaxes, teñen moita imaxinación e moita poesía”. Como fixera no seu pregón reivindicou o papel da ilustración e insistiu en que “un libro ilustrado non é só un libro infantil”.

 MB_Maria_Canosa_Ramon_Nicolas_Mercedes_Queixas_03-08-2016

Pechou a xornada a presentación d’ O espello do mundo, a primeira novela de Ramón Nicolás, acto no que participaron as escertioras María Canosa e Mercedes Queixas. Comezou o seu discurso María Canosa sinalando que “presentaba unha novela moi especial, a opera prima dunha figura excepcional”. “O espello do mundo expresa a ollada dun escritor moi observador, que sabe da mirada exacta, sen excesos. Novela moi ben estruturada, narrada dun xeito natural sen gradilocuencia ningunha, ben diseccionada, como o carácter tranquilo e sinxelo de Ramón Nicolás”. “O autor coñece á perfección todo o que se conta nunha novela con pouso, madura, madurada, que dá seguridade ao lector. Os personaxes son consistentes, ben construídos, congruentes na definición”. Rematou María Canosa salientando que estamos diante dun “libro elegante, consistente, unha novela ocn maiúsculas, unha alfaia que fará ledicia a que se achegue a ela”.

Pola súa banda Mercedes Queixas lembrou que nas páxinas de Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro intuíra que había un narrador de ficción, “imaxinaba que algo Ramón Nicolás puidera estar escribindo”. Mercedes expresou a súa convicción de que “O espello do mundo será unha obra que axude a mover marcos no noso sistema literario”. “A novela está definida no propio texto como o intercambio epistolar de dúas personalidades converxentes que a historia se encargou de borrar. Un libro, pois, para superar os territorios d ainvisibilidade, unha superación do oficialmente contado”. “Tras as lecturas da novela viñéronme dúas imaxes que sintetizan: a dun reloxo de area e a dunha bufarda. A do reloxo para expresar o tempo degustado na Idade Media, a idea de esquecer o tempo e introducirnos na rodaxe pausada, un río que discorre sempre con pouso e a sabedoría das palabras escollidas por alguén que coñece o uso do idioma e as historias ben contadas.” “A imaxe da bufarda como punto de luz que traspasa eses muros románicos e trae ao presente unha historia pendente de contar, a da descuberta da ciencia, da educación, da lingua desas mulleres dunha igrexa con poder, con moita responsabilidade, cultas, con vocación de acceso ao coñecemento, posuidoras dunha vontade de proxectos colectivos, de sororidade”. Rematou Mercedes Queixas sinalando que “esta obra pon en altísimo valor un tempo e un espazo, propio e alleo, un xogo entre a ficción e a historia, que demostra que non se pode ser máis universal ca sendo local”.

Rematou as intervención Ramón Nicolás que dedicou as súas palbras a Agustín Fernández Paz. Reflexionou o autor sobre a importancia da lectura: “para escribir cómpre ler moito, escribir é reescribir o que se leu”. Confesou que o atrevemento de ficcionalizar algúns episodios da biografía de Celso Emilio Ferreiro levouno a emprender este proxecto no que asume que “a novela é un xénero híbrido, o xénero das preguntas”. Rematou Nicolás confesando que a novela quixo entrar no período medieval e agromou en Escudeiros, nas Terras de Celanova, na Galicia esquecida”.