Escaparate 18/2014: Librería Miranda (Bueu)
Escaparate da Librería Miranda de Bueu con motivo da presenza de Marcos Calveiro no Colexio Montemogos de Beluxo. Foto tirada de Fb o 27 de maio de 2014.
Escaparate da Librería Miranda de Bueu con motivo da presenza de Marcos Calveiro no Colexio Montemogos de Beluxo. Foto tirada de Fb o 27 de maio de 2014.
Ben interesante resultou o acto organizado en Bueu pola Librería Miranda na que Pedro Feijoo conversou con Salvador Rodríguez arredor das súas dúas novelas, O fillos do mar e A memoria da choiva. Tras a lembranza da figura de Manuel de la Fuente, avó de Pedro Feijoo, e a súa sección «Postales de Vigo» en Faro de Vigo, Salvador preguntoulle se era posible reconstruír a rota d’ Os fillos do mar de Bueu, tal coma xa se fixera coa Vigo. Feijoo confesou que a súa estreita relación con Bueu non era allea ao Aturuxo onde tocara moitas veces nin a un amor grande que tivera no Morrazo. Contou as súas visitas á illa (de Ons), como se documentara sobre o Burato do Inferno, «onde existe unha auténtica catedral», ou como o personaxe de Iago Ray, tan decisivo na resolución da novela, tiña relación coa vila morracense. Feijoo contestou a numerosas cuestións relacionadas cos figura de Rosalía de Castro e o proceso de documentación tan minucioso realizado para A memoria da choiva. Recoñeceu que para el deste traballo documental emerxe a trama, nun diálogo permanente, emprendendo un camiño en paralelo. Un acto literario magnífico.
A Librería Miranda de Bueu ofrece outro escaparate monográfico de libro galego, o dedicado ao libro disco de Pablo Díaz Toc Toc publicado pola editorial Galaxia.
Foto tirada do Facebook da Libraría Miranda o 9 de abril de 2014.
Escaparate da Libraría Miranda de Bueu instalado con motivo da presentación de Sete Caveiras de Elena Gallego.
Fotografía tirada por Manuel Bragado o 28 de marzo de 2014.
O espectacular escaparate que montou a Librería Miranda con motivo da presentación onte en Bueu da novela de Elena Gallego Sete Caveiras decidiume a promover unha serie de anotacións sobre escaparatismo do libro en Galicia. Estou convencido que o escaparate continúa sendo na maior parte da actividade comercial de proximidade unha das accións principais (desas de toda a vida) da mercadotecnia no punto de venda. O escaparate é un espazo dacabalo entre o interior e o exterior que permite a visibilización dos produtos no espazo público de forma continuada, achegando (en tantas ocasións) un valor engadido á mercadoría exposta.
Nun momento crítico no que o libro galego quedou recluído a algunhas poucas mesas de novidades ou andeis dalgunhas librarías especializadas ou agarimosas co libro galego, reclamar a súa presenza gratuíta nos escaparates é unha acción positiva, tan xusta coma necesaria. Por baixa que sexa a cota de mercado do libro galego é superior á da súa presenza na maior parte dos escaparates libreiros en Galicia.
Agardo que a finais deste anos os lectores e lectoras destas Brétemas outorguemos o Premio Brétemas 2014 ao mellor escaparate do libro galego do ano. Até entón iremos publicando no blog fotografías de escaparates (agradécense os envíos por correo electrónico), indicando nome da libraría, localidade e data da fotografía do escaparate. Hoxe abeizoamos a Libraría Miranda de Bueu polo seu escaparate, o primeiro da galería do noso concurso.

Manuel Bragado Rodríguez (Vigo, 1959) é mestre, editor e activista cultural. Orientador do CEIP de Laredo e CEIP de Cedeira de Redondela, foi director de Edicións Xerais de Galicia S.A. (1994-2018).
