Onte 791: O cese de Wert
O comportamento do ministro Wert comeza a ser propio das historias dos tebeos de Carpanta. A propia Comisión Europea perdeu con el a paciencia e onte cualificou de forma pouco elegante como «lixo» o anuncio que o ministro español realizou diante dos responsables de universidades das diferentes consellarías de educación sobre unha redución do 50 % das bolsas Erasmus para o vindeiro curso. Unha medida desmentida de raíz polos responsables do programa Erasmus, demostrando que o ministro español mentiu, que o moi pillabán quizais pretendía agochar por esa vía outro dos seus recortes. Entendo que Mariano Rajoy, coa intención de evitar males maiores, agarde para cesalo á aprobación da LOMCE por parte de Congreso e Senado, prevista para finais deste mes de novembro. A reforma educativa quedaría pechada, remataría así unha etapa (inevitablemente) conflitiva para o PP e Wert podería volver tan pancho á súa empresa demoscópica, No entanto, convén non desprezar nin moito menos o traballo político que como cabeza de turco do goberno realiza o ministro Wert, focalizando toda a atención e o malestar cidadán sobre o seu (aparentemente) estraño proceder. É lóxico preguntarse se a persoa que o suceda mudará as políticas educativas e culturais do goberno popular. Temo que non podemos nin soñalo. Quizais aí resida a cerna do comportamento tan chafalleiro mais ben pouco inocente do señor Wert, un magnífico actor.