Artigos

Onte 1285: O «Pasolini» de Ferrara

Pasolini-674071338-mainCon Pasolini, Abel Ferrara pretendeu reconstruir as últimas corenta e oito horas do escritor italiano, antes de ser asasinado en Ostia o 2 de novembro de 1975, ademais de filmar algúns anacos dos proxectos que o director de Saló ou os 120 día de Sodoma preparaba para a súa nova película. Unha empresa moi difícil xa que se obriga a suturar na mesma narración materiais moi diferentes tanto polo seu carácter coma pola súa textura. Nese proxecto tan complexo, Ferrara apenas é capaz de salvar o tedio dunha metraxe de apenas 86 coa reconstrución da famosa entrevista que Pasolini concedeu a Furio Colombo, xornalista de La Stampa, na que anticipa de forma profética a fraxilidade do noso tempo («a traxedia é que non hai seres humanos, só máquinas que chocan entre elas«) e coa das escenas ficcionais nas que participa Ninetto Davoli, o actor de Uccellacci e uccellini.

Xaora, no seu proxecto Ferrara queda só a medio camiño. A película é fría, escura, escasamente emotiva. Non consigue deitar luz sobre a decadencia e asasinato dun dos mitos da cultura da esquerda europea, como tampouco, máis alá de reivindicar vagamente o dereito a escandalizar e o pracer de escandalizarse, tampouco afonda como merece sobre a cerna da súa obra creativa. No entanto, agradécese que o director novaiorquino fuxa da haxiografía e do sensacionalismo banal dos biopic ao uso, respectando así a complexidade dun dos poetas malditos de finais do século XX, testemuña de liberdade e compromiso.

Onte 1244: «A teoría do todo»

Theory_of_EverythingChamoume a atención o feito de que o biopic sobre Stephen Hawking, un dos científicos máis destacados do noso tempo, quedase resumido nunha historia de amor de mocidade. The Theory of Everything non é outra cousa que unha película romántica de inequívoco arrecendo british, ambientada nos corredores da Universidade de Cambridge dos anos sesenta e alicerzada sobre os valores da familia tradicional burguesa. Percíbese decontado que a película é unha adaptación das memorias de Jane Hawking, a admirable protagonista, muller de aparencia fráxil, mais capaz de soportar a erosión que sobre a parella e durante vinte e cinco anos provocaba a doenza brutal do cada vez máis famoso científico, que a medida que foi perdendo o seu control psicomotor intensificou a procura dunha explicación sobre a orixe do tempo, formulando a teoría do todo. As interpretacións dramáticas moi logradas de ambos os dous protagonistas (a Eddie Redmayne valeulle onte un Óscar) salientan nunha película discreta, aínda que menos doutrinal do que era previsible.