Máis de cento cincuenta persoas participaron na presentación en Pontevedra de 15.724, a máis recente novela de Xesús Constela. Un serán literario excelente nas novas instalacións da Sala Sarmiento do Museo de Pontevedra, que contou ademais coa participación das afinadísimas pandeireteiras de Coruxo A Buxaina. Xaime Toxo, presidente do Ateneo, abriu as intervencións literarias definindo 15.724 como «unha novela contra a compracencia, un libro de profundo alento contemporáneo». Adolfo Caamaño realizou unha presentación soberbia profundizando sobre os temas e as estruturas da novela dun «escritor que arrisca constantemente en cada unha das obras». Pola súa banda, Xesús Constela utilizou o carácter didáctico das cifras para abordar cuestións principais. 15.724: «un número intensamente relacionado cun dos personaxes da obra». 3: «son os símbolos da Patria: O Libro dos Protocolos, O Armadillo e o tirano da Patria». 4: «os narradores da historia, por dóus xornalistas (Leo K e Orlando P) e por unha serie de artigos xurídicos». 2: «son os seus protagonistas, dous irmáns Gordo e Samuel R». Despois salientou que quixo facer «unha novela que fose metáfora do do mundo, mais tamén metáfora da manipulación informativa». Así mesmo dixo que quixo facer «unha novela de prevaricacións» e «unha novela na que non estivese claro conde comeza e remata a cordura e a loucura da xente», como tamén «unha novela sobre o vencello máis profundo que une a dous irmáns». Dedicou a derradeira parte da súa intervención a xustificar as razóns pola que fixo «unha novela contra a pena de morte, algo que sempre me arrepiou», convidando ao público a ler (descifrar) o número que dá título á novela e a visitar o seu espazo web aberto esta semana.