Onte 1283: A canción de Manuel
Dende hai catro anos, coincidindo co 2 de abril, Día internacional de concienciación sobre o autismo, tamén Día internacional do libro infantil e xuvenil, Olga Lalín e Seso Durán, profesores de ensino secundario e pais de Manuel, un pequeno de seis anos que padece trastorno do espectro autista, publican unha canción na rede coa intención de darlle visibilidade a esta xornada.
Sempre baixo o título d’ A canción de Manuel, Olga e Seso foron construíndo unha achega musical e educativa moi valiosa para desfacer prexuízos e achegar visibilidade sobre este trastorno que afecta a un de cada 150 nenos, con especial incidencia sobre os varóns, catro de cada cinco diagnosticados. Seso e Olga expresan nas palabras limiares do primeiro tema (A canción de Manuel I, 2012) que «a percepción do mundo [do seu fillo] non é coma nosa, mais ten todo o sentido»; que «convivir co autismo é subir unha montaña invisible cada día, unha montaña que nos axudan a subir mans expertas e que nos dan alento cando fai falta.» «Ás veces parece que o autismo é unha man que aperta moi forte o meu corazón, e non me deixa vivir, entón chega Manuel, colle a man que me aflixe e a fai desaparecer co seu sorriso» confesa Olga no limiar do segundo (A canción de Manuel II. Alí estarei, 2013). O recitado de números como conquista da linguaxe e da memoria, mais tamén como aloumiño do aire, centrou o terceiro (A canción de Manuel III, O oito, 2014). «Somos refuxio e somos desvelo e somos as mans pegadas. Quen vai ir da túa man, un día? Quen vai ir contigo?» pregúntanse Olga e Seso na cuarta entrega, ao fío dos momentos tan duros vividos cando coñeceron o diágnóstico de Manuel (A canción de Manuel IV. Son o teu medo, 2015). Catro cancións preciosas, escritas con inequívoca caligrafía azul, esta tinta da sensibilidade imprescindible para coñecer, comprender e difundir que «o esencial é invisible».
Dende o proxecto d’ A canción de Manuel, como dende o espazo de Fb Alto como unha montaña, apélase á responsabilidade e compromiso das autoridades educativas e sanitarias para mellorar e implementar un modelo de atención integral para as persoas con diversidade funcional, respectándoas como cidadáns de pleno dereito. A nosa maior admiración para todas as familias, profesionais e asociacions que traballan na escuridade deste territorio de esperanza.
Recomendo ler esta anotación do blog de Seso Durán na que explica a poética da canción deste ano, na que o propio Manuel, cunha cámara colocada na súa fronte, deitaba a súa ollada sobre o seu arredor, durante un paseo por Vigo. Como tamén estoutra do blog de Olga Lalín na que se contextualiza esta reclamación para a abordaxe integral do TEA no marco dos dereitos da infancia. Moi interesantes e clarificadoras as dúas.