Steiner: superar a fase da indignación

É desafortunado que Juan Cruz, o autor da entrevista a Steiner, sexa considerado polo PEN Clube como o responsable das opinións do filósofo parisino sobre a nosa lingua. Seguindo o fío da longa entrevista é ben difícil responsabilizar ao xornalista e editor canario desas opinións, baseadas só na ignorancia do prestixioso filósofo e nos prexuízos existentes nalgunhas elites intelectuais europeas sobre as nacións sen estado. Culpabilizar a Cruz (por “botar máis leña ao lume da situación lingüística, no marco do Manifesto pola lingua común”) é un xeito doado de conformismo, obviando, ademais, que as declaracións de Steiner constitúen un síntoma moi preocupante dunha das nosas principais doenzas: a nosa incapacidade para presentarnos (e polo tanto para facérmonos respectar) no exterior. Como sinala hoxe Miguel Anxo Fernán Vello que “ningún Goberno galego teña feito nada en serio –realmente en serio, con boas ideas e medios– por proxectar en Europa a riqueza, a inmensa riqueza da Literatura Galega” pode tamén estar na raíz desta triste polémica, o que , en caso ningún, exime de responsabilidade a aqueles que nos desprezan como fixo este señor.

Superada a primeira fase de indignación e estupor (tan necesaria como comprensible) provocada por tan lamentables declaracións, as nosas institucións culturais e educativas (dende o Consello da Cultura Galega, as tres universidades, a Secretaría Xeral de Política Lingüística, as consellarías de Cultura e Educación, ás propias asociacións de escritores e editores…) deberían reaccionar en man común coa intención de informar a este señor sobre o estado da nosa lingua e o valor da nosa literatura. Seguro que unha comunicación cordial e intelixente, da man de Meendinho e Rosalía, podería axudar ao señor Steiner a saír da ignorancia sobre o noso. Pola contra, estou seguro que culpabilizar da polémica a Juan Cruz, só vai contribuír a proxectar unha imaxe antipática e vitimista da nosa literatura.
Debemos recoñecer que a pesar dos esforzos realizados nos últimos anos (tanto polas asociacións de editores e escritores; como, moito máis recentemente, pola Consellaría de Cultura nas feiras internacionais do libro e pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, na rede de centros de estudos galegos), carecemos dunha estratexia de país para dar a coñecer a nosa lingua e a nosa literatura no mundo. Artellala en man común (coas achegas e xenerosidade de todos) sería a mellor lección que podemos tirar desta “polémica Steiner”.

Actualización (30-08-2008): Juan Cruz solicita en xornal.com unha rectificación ao PEN Clube e o levantador de minas publica unha moi interesante anotación sobre a polémica.

Actualización (31-08-2008): declaracións de Juan Cruz a Galicia hoxe: “Síntome ferido”.

5 comentarios
  1. Anonymous
    Anonymous Dice:

    Igual nas formas non foron especialmente atinados, porén coido que Juan Cruz puido dar un toque de atención e mencionar -por exemplo- a Rosalía, Cunqueiro ou Martín Códax… non quixo deixar mal parado a Steiner ou realmente podía botar partido sobre o tema da lingua?
    Steiner, a verdade, fica moi mal parado; ora ben, o noso goberno, tamén. No meu humilde parecer debeu convidar a Steiner a vir e observar. Unha eiva máis no mal xestionada que está a nosa cultura.

  2. Alfredo Ferreiro
    Alfredo Ferreiro Dice:

    Penso que debemos esforzarnos por sermos coñecidos máis polas nosas accións que polas nosas reaccións. Mais tamén creo que as dúas asociacións teñen o deber de pórse en pé con determinación á hora de defender os obxectivos para as que foron creadas e están a ser sostidas. E que institucións doutro calibre, doutros recursos, debían executar políticas profundas de, primeiro, apoio á creatividade e formación de artistas, e segundo, de recoñecemento dos nosos bens culturais. Ora, isto último implica algo así como “programas de crecemento artístico” que a clase política actual non parece atender, preocupados con aquilo que teñen diante dos ollos no día a día da rúa e da política. Un apoio a algo así significaría que están a traballar por nós persoas moi intelixentes, pacientes e humildes dispostas a deixarse relevar amigabelmente no seu momento durante unha longa procura do ben común. Ninguén planta un carballo para si.

  3. A Voz de Vilalba
    A Voz de Vilalba Dice:

    Totalmente de acordo co dito. Pensamos que debería facerse algo máis pola cultura galega que caer no vitimismo ou botar balóns fóra culpando a quen non é.

  4. Anonymous
    Anonymous Dice:

    Juan Cruz tivo dúas oportunidades de correxir a Steiner: a primeira cando se produciu a conversa, a segunda cando a transcribiu. Pódese perdoar a primeira por falta de reflexos (que a todos nos pode ocorrer) pero non así a segunda, cando, sentado tranquilamente no seu gabinete de traballo, seleccionou o que quería publicar. ¿Ou é que transcribiu TODA a entrevista literalmente? Eu non trago. Síntoo.

Los comentarios están desactivados.