Silvia Querini: libro e mercado

A editora Silvia Querini abriu esta mañá o IV Simposio “O Libro e a Lectura” no que se reflexiona sobre as relacións entre o libro e o mercado.
A directora literaria de Lumen comezou a súa magnífica e clarificadora conferencia abordando o significado de dúas palabras “malditas” que, xeralmente, no mundo da edición (sobre todo da literaria) son moi mal vistas: “mercado” e “mercadotecnia”. Para Querini detrás do termo “mercado” está a sociedade de lectores e lectoras. Sendo a “mercadotecnia” toda comunicación que aplicamos a un libro ou, por extensión, á obra dun autor para que o noso público (sexan os comerciais da editora, os libreiros ou os lectores) coñezan o que teñen enriba da mesa. A mercadotecnia no mundo editorial require que existe un bo matrimonio entre o contido e a comunicación. “Non é extraño que esta estratexia fracase –e o editor vai sabelo de antemán– cando o contido textual non está á altura da cantidade e tipo de comunicación que estamos aplicando; en definitiva, cando o texto per se non aguanta a comunicación que se propón”.
Querini propuxo, logo, unha provocadora reflexión sobre o éxito do editor no mercado: “Cando temos un contido que nos deixa durmir tranquilos e lle proporcionamos a comunicación axeitada podemos estar satisfeitos”. Despois debullou o significado doutros dous termos que non se deben confundir –”best seller” e “long seller“–, apostando, sen dubidalo, polo segundo, “aqueles libros que grazas a ese matrimonio entre contido e comunicación se manteñen nun réxime de vendas sostido ao longo de moitos anos; eses valores seguros que permiten que os nosos presupostos cadren ao remate de cada ano”. O traballo do editor é crear un catálogo, que serva de caldo de cultivo para cada un dos títulos que editamos, sempre coa intención “de ampliar a mancha dos nosos lectores”.
Silvia continuou a súa intervención propoñéndonos a todos os asistentes “ver a vida con ollos de editor”, tentando identificar as tendencias do gran público que debemos buscar, sabendo que non é o mesmo a literatura que a edición.
Rematou o seu parlamento enumerando algúns dos ítems de maior preocupación do sector internacional nestes momentos:
– “A vida efémera dos libros que editamos no mercado.” “Hoxe un libro pode durar na libraría menos ca unha revista mensual. Ou mesmo pode haber títulos que morren nas mans do propio editor. O libro que cae, que non se ve, é un libro que non existe”. Fronte a esta doenza dos nosos tempos, propuxo que os editores nos acheguemos ao noso público (que debemos saber segmentar), mantendo unha comunicación moi fluída e simpática cos libreiros. “Cada varios meses, collo a miña axenda e fago unha ronda de chamadas aos libreiros para saber qué está pasando na súa libraría. Non coñezo mellor procedemento”.
– Loitar contra a idea de “libro=obriga”, substituíndoa pola de “libro=pracer”. “É unha mágoa que a idea da lectura non estea asociada, aínda, coa do pracer. Cantas veces, editores e lectores estamos presos da antilíbido do libro: as lecturas obrigatorias”.
– “Os lectores non son marcianos, son os nosos veciños, os nosos concidadáns.” Razón pola que os editores non podemos darlles nunca gato por lebre; pola contra é a nosa obriga “intentar que comprendan que pasar unha tarde lendo un libro poden ser escandalosamente felices”.
Na quenda de intervencións do público, Querini apostou por traballar a información como o mellor soporte promocional que pode ofrecer un editor; calculou que a taxa de devolucións do seu fondo estaba entre o 25% e o 30% (aínda que os exemplares devoltos perviven logo como “goteo” e permiten que o título non se descatalogue decontado); e defendeu de forma apaixonada o prezo fixo (“se se liberaliza, morrerán ás librarías independentes”).
En definitiva, unha intervención moi clarificadora dunha das máis importantes editoras literarias en lingua castelá.

Etiquetas:
1 comentario

Los comentarios están desactivados.