Rosas murchas
No artigo da semana atrévome a propoñer unha reflexión, a partir do asasinato de Águeda González, sobre o insidioso fenómeno do terrorismo contra as mulleres. Teño unha certa perplexidade que sobre este tema se debata tan pouco nos nosos blos.
Ten razón na súa crítica ao silencio blogueiro.
Eu quixen mencionalo porque me preocupou, como supoño que ao resto da xente cun mínimo de sensibilidade, mais fiquei paralisado polo estupor que me produciu saber que fora asasinada no Chan da Lagoa, onde pasei tantos domingos de picnic coa miña familia.
Aínda que só nos lean 10, 20 ou 50 persoas, está claro que é preciso axudar a crear un estado de opinión alerta, e non deixar estar feitos coma este.
Grazas e parabéns polo artigo.
MOita xente a coñecía nesta zona, a ela e ao seu asasino. EStarrecedor.
Coido que o silenciamento é outro máis grave: espectacularízase a violencia até o punto de que se comete unha dupla violación (cando a hai), dobre asasinato: a violencia mediática contra as mulleres. Porque este tipo de sucesos sempre teñen o mesmo tratamento informativo:
1. Ela era unha mociña chea de vida, boa e responsábel.
2. El era un depredador, un enfermo.
3. Conclusión: o conto da Carapuchiña. As mulleres non poden saír do seu recinto. O perigo agarda aí fóra.
Lembro cando, hai pouco máis de ano e medio, Sara Alonso apareceu en Cabo Estai sen vida, e Vigo estourou coa rabia, e María Xosé Queizán dicía que “Estamos en guerra, e na guerra non caben as mornezas.” Daquela traballaba n’A Nosa Terra, e vivimos un momento do máis porcallento amarelismo en toda a prensa. Decidimos tratar o tema nas dúas primeiras páxinas do xornal de xeito un pouco crítico: o terrorismo non está só nos homes que matan ás mulleres (que son o cumio dunha estrutura piramidal que se fundamenta no patriarcado). O terrorismo está nos periódicos que fan de Alcásser ou de Cabo Estai un circo enfermizo, e calan a boca cando o terrorismo se produce dentro do fogar. Cantas mulleres foron asasinadas dentro da súa casa ou violadas dentro da súa cama no que vai de ano? Non interesa sabelo. Porque o discurso que nos pode manter medosiñas e metidas na casa é outro: o do violador de rúa. Se o caso non fose tan escabroso, se Águeda vivise co seu mozo, se el non estivese casado e con fillos, sería un caso máis de “violencia doméstica” (nunca foi tan noxento un adxectivo posto ao lado de “violencia”), e non sería informativamente interesante montar o circo, a violación mediática.
O terrorismo está ás veces no discurso que se aproveita da violencia e se nutre dela para xerar a “outra” violencia, a invisíbel, a que nos oprime.
Suponho que a gente está farta de asistir diariamente às mesmas noticias e que de tanto repetir acabas ficando insensível. O que acontece a diario nom é noticia.
O do silencio blogueiro pode resultar algo raro, si.
Quizais a xustificación veña dada polo feito de que habería pouco debate, escasa diversidade de opinións. Aínda que habería moito que debater, penso eu, sobre as causas e as posíbeis solucións.
Non teño moita idea de qué se pode dicir sobre un asunto coma este sen facer amarillismo. Tampouco creo que haxa xeito ningún de evitar este tipo de homicidios.
Concordo con Hojasdehierba, que se pode dicir ante tal atrocidade? Non hai palabras para manifestar o que se sinte diante dun feito coma este…