Onte 996: Jogo bonito
Lin na revista do avión que o football chegou a Brasil en 1894 na equipaxe de Charles William Miller, un estudante brasileño fillo dun traballador escocés do ferrocarril de São Paulo. Trouxo dúas bólas, unha bomba para inchalas, unhas botas e un libro coas regras dun xogo que coñecera mentres estudaba en Inglaterra. Cando aquelas dúas bólas comezaron a moverse entre os pés dos brasileiros o football acadou a perfección e transformouse en fútbol e aquel sport importado convertiuse a ritmo da samba en «jogo bonito». O feito de que fútbol e samba fosen da man no Rio de Janeiro abonda no carácter creativo (artístico e relacionado coas Belas Artes) de ambas as dúas disciplinas. Bo é lembralo antes de que a brazuca corra nas lameiras, mais sen esquecer que o «jogo bonito» non pode agochar que unha maioría de brasileiros aínda vive na pobreza e na exclusión.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir