Onte 987: Podemos gaña en Navia
O feito de que Podemos gañase as Europeas en Navia non debe pasar desapercibido. Esoutro novo Vigo, un polígono de vivendas de promoción pública e cooperativa, cunha poboación que ten a media de idade máis baixa de Galicia, está chamado a marcar as tendencias do voto da xeración de menores de 40 anos. Nas últimas Autonómicas en Navia gañara AGE, formación que nas eleccións do pasado domingo ocupou a segunda posición. É un feito para a reflexión que o PSOE, partido que tradicionalmente lidera o voto no veciño barrio de Coia, sexa en Navia terceira forza política, mentres que PP e BNG ocupan as últimas posicións. Non semella un disparate considerar a hipótese de que Navia sexa un distrito que adianta o comportamento electoral do futuro voto urbano. A ter en conta nas análises que se está facendo sobre os resultados electorais na cidade de Vigo, onde o taboleiro revolcouse unha barbaridade.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir