Onte 979: Irene
Deille un colo a Irene. Apenas facía seis horas que nacera. No seu latexo sentín a fraxilidade do inicio dunha vida, unha desas experiencias marabillosas, marcantes e infrecuentes, que nos devolven ao máis primixenio da condición humana, a de sermos cadea de cariños e querenzas. Cando espertou entre uns chorares, aínda inexpertos, colleume o maimiño entre os seus dedos. Eis o reflexo de prensión, a primeira forma de socialización do ser humano, a primeira manifestación dos afectos. A vida vai ser para Irene a conquista da autonomía, mais tamén a da súa perda, irreversible. Recibímola con saudades da súa avoa, a que naceu nas brétemas de Yorkshire e deixounos en Vigo o pouso dos afectos. Recibimos a Irene, tamén, con moito entusiasmo, sabemos que pode ser a embaixadora da paz, da nosa memoria, tamén da nosa lingua, no século XXII. Vertixe e emoción para un día que lembraremos.
Non se pode dicir nada màis fermoso do nacemento dun novo ser.Irene deberá gardar con todo o amor que sexa capaz de sentir estas fermosas verbas que lle dedicas , eu anticípome pola parte que me toca.Gracias , Manolo.