Onte 913: Gabanza dun Celta grande con Nolito
No emocionante partido de onte o meu admirado Nolito tivo unha participación memorable. A pesar de que no que levamos de tempada non colleu o seu mellor punto de forma, sempre acreditei na necesidade da súa participación, aínda que fose por poucos minutos, xa que é un futbolista de alta escola, deses escollidos capaces de explorar os territorios da fantasía e do imprevisaible. Así sucedeu onte no Ciutat de Valencia onde Nolito conduciu á vitoria a un equipo afouto, até a temeridade, perseguindo un segundo tanto cando máis apretaban os rivais para conseguir a igualada. O gol do Celta foi unha peza de ourivería, un modelo de xogo compartido onde a engrenaxe da súa reloxaría funcionou con auténtica perfección galega. O canteirán Jonny realizou un pase vertical marabilloso de máis de trinta metros, Orellana creou un espazo enorme que confundiu ao lateral levantino, Augusto correu veloz coa bóla e centrou moi medido para que noutra banda chegase Nolito e rematase coa súa luva de biqueira. Ser celtista é un exercicio arriscado de fé nas posibilidades do equipo noso, non exento de decepcións e angustias tremendas, nas que o corazón late a velocidade de vertixe. Onte gozamos e sufrimos cun Celta grande, extraordinario, afouto até o delirio, conducido por un artista que queremos por Nolito.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir