Onte 857: Síndrome de Trithemius
Son cada vez máis numerosas as voces que expresan a súa cautela sobre a velocidade do proceso de dixitalización do sector do libro e da lectura. Ninguén nega a hibridación actual do sector (a convivencia de formatos impresos e dixitais, en función de formatos e tipoloxías de edición) nin a mudanza inevitable cara o paradigma da comunicación editorial dixital. Mais tamén é innegable que o libro electrónico e a cultura hipertextual nas súas diversas modalidades e formatos evoluciona moito máis amodiño do previsto e non respondeu aínda a todas as expectativas xeradas. Unha situación que no caso do noso sector editorial atribúo, entre outras causas, ao carácter case monopolista da distribución do contido dixital por parte de dúas ou tres empresas estadounidenses, mais tamén á incapacidade do sector editorial europeo de ofrecer ao seu público un modelo tecnolóxico e de negocio alternativo e sostible.
A entrevista a Fernando Báez, publicada onte por El País, é unha mostra do peso desas voces que convidan á reflexión sobre o proceso de tránsito que estamos vivindo. O ensaísta venezuelano, especializado na historia do libro e autor da Historia universal de la destrucción de libros, defende que o libro foi sempre «unha tecnoloxía da memoria», que evolucionou moi lentamente, perfeccionándose cos séculos e coas achegas das diferentes culturas. Sorprendeume a súa tese da «Síndrome de Trithemius», acuñada no seu libro máis recente, Los primeros libros de la humanidad. El mundo antes de la imprenta y el libro electrónico (Fórcola, 2013), un dos tipos da saudade, que leva a sospeitar de calquera mudanza que afecte ao formato dos libros. Trithemius fora un monxe que no século XV, ademais de crear as mensaxes cifradas, defendera (con argumentos baseados no propio proceso da lectura) o manuscrito fronte ao libro impreso que comezaba entón o seu exitoso percorrido. Máis alá de asumir as resistencias ao tránsito expresadas pola Síndrome de Trithemius, é valiosa a advertencia de Báez, xa que a ollada cara ao pasado permite comprobar que a evolución dos formatos do libro sempre foi moi lenta, razón pola que conviviron durante séculos. Hoxe non sabemos se este modelo poderá manterse coa disrupción da revolución dixital. As opinións de Báez axudan a ponderar o proceso de hibridación actual entre a exaltación da tecnofilia do libro electrónico e o conformismo paralizante dos que negan a mudanza do paradigma.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir