Onte 717: Borrados
O dos discos duros do PP éche coma un conto. Comezou cun exercicio encomiable de transparencia: non se sabe quen destruíu os discos duros de ambos os dous ordenadores do tesoureiro un mes despois de que a Policía visitase a sede do partido de Rajoy. Proseguiu cun esquecemento sen importancia: a señora María Dolores de Cospedal omitiu este detalliño rotineiro na súa declaración como testemuña do caso Bárcenas diante do xuíz. Continuou cun exceso de seguridade informática (aparentemente) irreparable: a preceptiva copia de seguridade diaria dos arquivos de Luis Bárcenas gravábase cada noite en diferido nos servidores de Génova baixo un sistema tan sofisticado de almacenamento seguro que agora non hai hacker que sexa capaz de recuperar a información. Sen dúbida, un disgusto para os responsables do partido, que non puideron atender coa debida dilixencia a solicitude de Ruz, realizada con tanta cautela e antelación. E como o que naceu torto pode rematar aínda máis revirado, o avarento Bárcenas coidouse ben de gravar pola súa conta e risco, fóra do sistema, arquivos no seu pendrive, agochando, quizais, algunhas sorpresas para Mariano e María Dolores. «O PP actuou cos ordenadores como con todo o material» confesou Floriano para xustificar que os discos propiedade do partido fosen borrados, no marco da estratexia de reutilización de material de oficina na que está comprometida a dirección popular, que supoñerá aforros sen cuantificar e outro exemplo máis de austeridade e xestión eficiente. Non lle falta razón ao segundo de Cospedal, nunca foi doado colaborar coa xustiza e ao tempo cumprir coa Lei de Protección de Datos. Non vos riades, que o conto é triste.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir