Onte 690: Comeza a Feira do Libro da Coruña
Pasamos o día enteiro na Coruña, na xornada de inauguración da Feira do Libro da Coruña, o evento editorial máis relevante do ano no país. Son as novidades máis relevantes desta edición a coincidencia coa Feira do Cómic de Viñetas do Atlántico e a Semana de Música Infantil da editorial Galaxia, actividades que contribuirán a incrementar o público e, probablemente, ese entusiasmo polo libro que sempre sentimos nos xardíns de Méndez Núñez. Con todo, é innegable o efecto da crise sobre a feira, que reduciu o número de casetas a 37, moi lonxe xa daquel medio cento tradicional.
Ao mediodía, tras as numerosas intervencións protocolarias (presidenta da Federación de Librarías de Galicia, presidente da deputación da Coruña, conselleiro de Cultura e alcalde), foi Yolanda Castaño a pregoeira desta edición da Feira cun discurso breve e moi fermoso, construído coa fasquía dun poema, no que foi ganduxando cos fíos de diferentes versos a historia literaria da cidade coruñesa e a súa centralidade para a literatura galega. Tras a interpretación do himno galego por parte da Banda Municipal de Música da Coruña, o acto rematou coa do himno español o que provocou non pouca sorpresa aos asistentes. Unha innovación protocolaria, sen dúbida, imposta polos concello da Coruña, cuxo alcalde intervirá minutos antes lendo un discurso en español e utilizando o galego, só ao remate, cando dobraba os papeis, para expresar as súas condolencias ás familias das vítimas de Angrois.
A primeira das nosas presentacións do serán foi a de Días que non foron de Luís Rei Núñez. Foi Mercedes Queixas a presentadora deste libro, que comezou definindo como «libro fértil». «A miña primeira impresión foi a da axilidade e profundidade do manexo do campo narrativo do autor, o que dá como resultado un libro magnífico e de lectura moi agradecida. Son sete contos, relatos ou narracións de extensión, estrutura e estilo moi desigual, todos necesarios, que conteñen moitos vasos comunicantes que alimentan un río principal. Aquí están presentes todos os autores que Rei Núñez quere ser: o poeta, o xornalista, o ensaista, o narrador, aquí está toda a súa escrita.» Concretou despois Queixas a súa caracterización do volume como «suma de reconstrucións de memorias individuais, que conforman unha memoria colectiva, na que é moi f`ácil verse reflectido.» «Neste libro sempre hai un altofalante premido, o da reconstrución da memoria. Cada relato ten a súa voz e cada protagonista expresa a voz da memoria que rompe os silencios. Rei Núñez concibe a memoria como a chave de paso para arquivar vidas. Literatura como micrófono de longa proxección dirixida a un público con conciencia crítica.» Referiuse despois a presentadora «á importancia dos personaxes masculinos adolescentes, que lembran o pasado; representan a limpeza, a curiosidade, son personaxes en formación.» Falou despois do estilo, «acaído ao que cada relato demanda», «un estilo que transita entre a retórica da sensualidade até a recreación da crueza máis descarnada; un tránsito entre o agradable e feliz a esoutros espazos que arrepían.» Rematou a intervención Mercedes Queixas volvendo a referirse aos vasos comunicantes existentes entre os relatos, que para ela non son outros que «a necesidade de restauración da memoria e da conciencia das persoas.» Preguntouse se este libro non sería un acto para pechar un ciclo, xa que «condensa un periplo narrativo de moitos anos.» «Días que non foron é unha reivindicación do cotián, un canto coral á dignidade, á solidariedade e á ética.»
Pola súa banda, Luís Rei Núñez comezou o seu discurso confesando que para el «a escrita nace de escoitar aos demais, escoitar o mundo e ler.» Definiu Días que non foron como «un destilado da miña obra. Son sete relatos escritos dende hai vinte anos, o primeiro «Báñate comigo» escribino en 1990, que abranguen dende os acontecementos de Ferrol de 1936 á memoria negra do Prestige de 2002 e 2003. Hai relatos que remiten á estrela dos polisóns, outros a Monte Louro ou a Expediente Artieda ou a Cita en Fisterra.» Referiuse despois a súa concepción do conto, «intentar contar unha verdade no que ten de paradoxal, como propón Poe», inseríndoa na tradición contística galega, nacida en 1926 coa publicación Dos arquivos do trasno de Dieste e o primeiro volume de Cousas de Castelao, «os autores que crearon o segundo andar da literatura galega, o do relato». «Con este libro intentei asomar neste segunda andar, achegando unha voz persoal, un estilo que me acompaña en toda a miña obra novelística, aquel no que o autor parte da primeira persoa do singular e se dirixe á segunda persoa do singular. Afástome da tradición contística popular, que vai do eu ao vosoutros, da primeira persoa do singular á segunda persoa do plural. E fágoo atendendo á xente que non está nos escaparates das televisións, porque son seres anónimos.» «No libro hai unha predilección por personaxes “malotes”, rebeldes, rabudos xa que creo contribúen a ser o motor de transformación da realidade.» Rematou o seu discurso comprometéndose a «intentar continuarofrecendo libros que sirvan como mergullo nas sombras na procura da luz.»
A segunda das presentacións foi a de Retallos daquela infancia, o libro de relatos no que debuta na creación literaria Bautista Álvarez. Nesta ocasión foi a presentadora Pilar García Negro que comezou as súas palabras referíndose ao paradoxo de estar diante dun «escritor naipelo, mais dun narrador veteranísimo.» «Bautista Álvarez é un escritor de corpo enteiro, de raza. Unha personalidade humana, cívica e política que ofrece o cento por cento da súa personalidadeneste libro.» García Negro considerou que a figura literaria de Bautista Álvarez debía ser inserida na hipérbole da nosa literatura, no daquelas figuras que como Ramón Cabanillas ou Castelao demoraron moito a súa publicación. «Bautista é un escritor de continuidade, que fixo ao longo de toda a súa vida unha acumulación moi importante de lecturas, que agora podemos gozar como un gran libro.». A presentadora referiuse despois as cinco grandes cualidades de Bautista Álvarez como escritor: «Primeira, un impenitente lector. Segunda, un posuidor dunha grande cultura clásica. Terceira, un mestre na organización dos elementos, secuencias, dosificacións da intriga e caracterización dos personaxes. Cuarta, un narrador que sabe empregar de forma axeitada a retórica literaria, na tradición de Fole e Castelao. Quinta, un narrador que pon o saber memorialístico ao servizo da recuperación dun mundo completamente varrido, desaparecido, mais completamente influente en todos nós.» «Nas páxinas de Retallos daquela infancia están os Retrincos de Castelao. Aquí hai unha sociobiografía do país. Nada do que aquí aparece é arqueolóxico ou vello, xa que hai un propósito de actualización, unha carga de crítica política á que Bautista non renuncia.» Despois de debullar varios dos relatos, rematou Pilar García Negro referíndose aos que consideraba como esteos ou eixos subxacentes da obra: «Primeiro, o idioma, cheo de auténtico zume de xenio popular. Segundo, o peso da igrexa e os seus ministro. Terceira, a mistificación relixiosa. Cuarta, a presenza ameazante dos poderes públicos. Quinta, a memoria histórica. Elementos todos eles ao servizo dun lbro que se le, seguido, seguido.»
Bautista Álvarez nunha intervención breve confesou que «fixen os relatos pra me divertir». «Moitos dos relatos teñen unha orixe real, pero despois están fantaseados», aínda que, insistiu, «o esquelete de todos é real.» Para el o seu «estilo vai pola hora vella, no carreiro de Fole e Castelao». Finalizou o seu discurso, no que citou en diversas ocasións a José Martí, expresando que foi a súa intención «retornar a unha Galicia que xa desapareceu». «Vivo na aldea. Hoxe alí non hai galo nin galiña nin se escoita o bruar das vacas. Nin se escoita a alborada dos paxariños. Na miña aldea calaron os animais.»
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir