Onte 642: Interminable
Atrevinme a viaxar a Madrid en tren. Saín ás oito da mañán de Guixar e pasadas as tres cheguei a Chamartín (con media hora de atraso). Participei nunha reunión, din un paseo (abafaba a calor), e ás dez e medio da noite collín o tren-hotel que chegou a Vigo ás sete da mañán (en punto). En total, quince horas e media de viaxe. Na ida aproveitei para ler e traballar. Unha marabilla! Na de volta dormín un pedaciño e rosmei outro bo anaco. Acabei mallado! Cos prezos dos billetes de Peinador polas nubes, tras a redución do número de prazas e a utilización de avións de hai tres décadas, a alternativa do tren semellaba razoable. Máis aínda cando os prezos son moi atractivos. Unha ilusión! Dende Vigo a viaxe por ferrocarril a Madrid faise interminable, sobre todo o treito con Ourense, cen fermosos quilómetros (boa parte á beira do Miño) que levan máis de dúas horas. Diante dos novos atrasos anunciados das obras do AVE, diante dunha interconexión entre as cidades galegas por camiños de ferro tan ruín coma existente, diante de «alternativas» tan escasamente atractivas coma as descritas, a ninguén lle pode estrañar o éxito da convocatoria que estes días axita Abel Caballero.
Á marxe do populacheirismo de Abel Caballero e da Panorama, nestas cousas ten moita razón.