Onte 641: Preis Xerais Roman 2013

O luns despois dos Xerais adoitamos reunir na nosa web todos os materiais publicados nos medios impresos e dixitais durante a fin de semana, así como unha galería de fotos. Sempre levamos sorpresas agradables do alcance dos ditame dos premios, sobre todo desque as redes sociais axudan a socializar e a compartir o acontecido na illa. Con todo, nesta edición chamounos moito a atención unha anotación publicada no dixital alemán Nachrichten (Noticias). A pesar de que ne editorial aventuramos diversas hipóteses, non logramos aínda entender cal foi o camiño de ida e volta desta información. Quizais algún membro da comunidade galega residente en Alemaña quixo facernos este simpático agasallo? Sería extraordinario ver publicada algún día en alemán Cadeas, a prometedora novela sobre a dominación de Xabier López. Un bo comezo.

1 comentario
  1. briaxis
    briaxis Dice:

    Nunca sentira falar dese dixital, e a nova está redixida nun alemán un bocado macarrónico, que fai pensar nunha tradución automática. Mais certamente sería desexábel aproveitarmos os coñecementos e as posibilidades da diáspora galega para visibilizar a nosa cultura no exterior. E non só a cultura, é claro.

    Nos últimos tempos non faltaron as iniciativas interesantes, mesmamente na Alemaña (estou a pensar nos recentes actos organizados polo Consello da Cultura en Berlín e outras cidades alemás, inclusive a intervención do seu presidente na Universidade de Múnic, onde contamos agora cun embaixador da calidade de X. M. Núñez-Seixas). Mais, paradoxalmente, as fontes ás que pode recorrer alguén de fóra da Galiza que pretenda informarse sobre a cultura galega na Internet son, como mínimo, insuficientes. É sintomático o caso da Wikipedia, que é a primeira e para moitos lectores a última fonte de información sobre un país descoñecido: en moitas edicións empréganse sistematicamente as formas deturpadas dos topónimos, e hai mesmo algunha que admite clasificar o galego como dialecto do español (e aínda por riba citando un manual universitario de filoloxía románica, o que dificulta a corrección). Así non asombra que nun artigo aparecido o ano pasado nun xornal que se di alternativo e respectuoso coas minorías, como é a Tageszeitung berlinesa, se fale da “Ciudad de la Cultura” e de “Santo Domingo de Bonaval”, e a Galiza sexa unha “provincia” tan pequena e insignificante que a idea de encher unha biblioteca coa súa literatura é presentada como irrisoria.

    Repito que é unha situación paradoxal, porque para mellorarmos a visibilidade da cultura galega na rede non precisamos de apoios institucionais nin de grandes investimentos. É antes unha cuestión de vontade e de coordenación. Un bo exemplo podería ser o Col·lectiu Emma, que comezou como un pequeno blogue e é agora un completo site plurilingüe para “explicar a Cataluña” ao mundo. As posibilidades son moitas e moito diversas: completar os artigos relativos á Galiza nas principais Wikipedias (ten alguén reparado xa nas enormes carencias da versión portuguesa, fóra dos artigos relacionados coa lingua e o conflito normativo?), facer unha revista de imprensa galega traducida a outras linguas, colaborar con proxectos como o Global Voices, etc. E non se trata, evidentemente, de substituír o que xa existe (v.g. o Portico of Galician Literature ou a revista Galicia21, que aliás visan públicos moito concretos), senón de complementalo e non agardar que as institucións veñan cubrir os vacíos existentes, pois a estas alturas xa sabemos onde nos leva esa estratexia.

    Sería fantástico que a próxima vez que un xornal alemán falar do Premio Xerais deste ano (e encantaríame que iso acontecese non unha, senón moitas veces), sexa cun artigo ben escrito e con informacións de fondo sobre a cultura e a literatura galega actuais.

    Responder

Dejar un comentario

¿Quieres unirte a la conversación?
Siéntete libre de contribuir

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *