Onte 548: «Sábados Culturais»
Coa presentación do libro Premios da Crítica Galicia. 35 anos de Cultura inauguramos onte os «Sabados Culturais 2013» da Fundación Premios da Crítica Galicia. Máis de medio cento de persoas participaron nun acto celebrado na Casa Galega da Cultura de Vigo que contou coas intervencións de Bieito Ledo, Ramón Nicolás, Modesto Hermida, Xesús Alonso Montero e o alcalde de Vigo Abel Caballero.
Gustoume como iniciou Bieito Ledo o seu discurso, lembrando a súa chegada a Vigo hai trinta e sete anos e o intenso traballo cultural desenvolvido á fronte do Círculo Ourensán Vigués, de onde nacería a iniciativa de creación dos Premios da Crítica Galicia. Non tivo medo o veterano editor en referirse a constitución da súa tribo de amizades e afectos, á que retranqueiramente chegou a definir como «a parroquia de Bieito». Tamén gustei do seu relato, entre a fachenda e a saudade, do moito traballo realizado no Círculo Ourensán: «O local da rúa Venezuela era o lugar de encontro dos sindicatos, particularmente dos de El Corte Inglés, que acabara de abrir en 1975. Alí era o lugar de ensaio do teatro Artello. Reuníanse as Xuventudes Musicais de Vigo e convocábase un concurso de xóvenes intérpretes. Organizábanse cursos de galego para profesionais, nos que xente da altura intelectural do maxistrado García Ramos ou do profesor Alonso Montero impartían conferencias. Alí se montou o primeiro club de microordenadores, dirixido por Luís Suárez Marconi. Había tamén curso de ioga e baile. Organizábase a «Semana da Cultura Galega» en Guimarâes e a Semana da Cultura Portuguesa en Vigo. De alí naceu a Romaría das Letras Galegas de Castrelos e alí naceu a iniciativa da creación dos Premios da Crítica Galicia e dende alí se organizaron até que en 1993 creouse a Fundación incorporando xente de toda Galicia». Despois, Bieito Ledo salientou que a xeira de actividades bautizada como «Sábados Culturais» nacía coa intención de contribuír á dinamización do Casco Vello, e a facer máis visible o labor da Fundación. Gustei da relación que fixo dos bares de finais dos setenta, dende Elixio, a Viúda, o Chavolas, o Porco…
Na súa intervención, o crítico e profesor Ramón Nicolás, que tiña apenas once anos cando se crearon os Premios, saudou o nacemento destes «Sabados Culturais» «que contribuirán, sen dúbida, a vivificar a cerna da Fundación dos Premios da Crítica e a proxectar as súas actividades á sociedade civil». Sinalou, máis tarde, que «a lectura deste libro que hoxe presentamos, amais de entendelo como unha achega extraordinaria para poder avaliar algunhas das liñas de sentido da nosa cultura viva nos últimos trinta e cinco anos, resultoume gorentosa e altamente informativa». Recomendando, depois, «moi vivamente a lectura do “manifesto” dado a coñecer no ano 1978, as colaboracións valorativas realizadas ad hoc como aquelas que recollen diversas intervencións escritas hai anos e das que sempre tanto se aprende».
O profesor e escritor Modesto Hermida comezou valorando a obra: «Este libro é unha reflexión moi plural sobre unha experiencia moi plural de identidade lingüística, capaz de integrar ao país enteiro, ideoloxicamente enteiro, mais tamén enteiro en todas as súas expresións artísticas». Despois relatou a súa experiencia persoal e as súas vivencias no seo do colectivo dos Premios da Crítica desde a súa chegada a Vigo en 1976, procedente de Asturias, cando estaba «organizado na terceira Internacional», e o seu primeiro contacto co profesor Alonso Montero.
O profesor Alonso Montero definiu os Premios da Crítica «como a plataforma cultural que Galicia non tivera desde 1936». «Bieito Ledo foi o seu gran creador, apoiado por xente moi diversa, dende membros do partido comunista, a outros nacionalistas ou socialistas, a pluralidade de Galicia tanto desde o punto de vista político como profesional». Don Xesús salientou despois a importancia que os Premios da Crítica incorporanse as voces da ciencia e da tecnoloxía, xa dende a súa primeira edición, «amosando que a cultura galega non é só literaria, nin poética fundamentalmente. Estes Premios demostraron que os científicos tamén forman parte da creación cultural do país». Alonso Montero lembrou a figura de Isaac Díaz Pardo, creador da estatuíña que constitúe a dotación de cada premio. «A idea de que fose unha figura de Martín Codax foi miña». No remate do seu discurso, Alonso Montero referiuse con elegancia á fractura que se produciu na Fundación entre «as persoas que tiñan máis responsabilidade na organización» apostando «que algún día coa incorporación de quen sexa ou coa reincorporación de quen sexa a Fundación tivese aínda máis puxanza da que ten».
Rematada a quenda de intervencións da mesa, fíxoo dende o público Xosé María Palmeiro para sinalar «a acollida sempre positiva e agarimosa dos medios de comunicación vigueses aos premios da crítica». Pechou o acto Abel Caballero, alcalde de Vigo, para quen «a cultura é a alma da cidade de Vigo», e a iniciativa dos Premios da Crítica Galicia unha das súas máis senlleiras expresións. Tras o acto, todos os asistentes foron convidados na cafetaría Cosmos da praza da princesa a un ribeiro doado pola adega Patricio Sánchez, que axudou «a mollar a palabra e a quentar os afectos».
A miña gratitude a Fernando Cameselle pola magnífica reportaxe fotográfica.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir