Onte 334: Medalla galega
A primeira medalla galega provocou un comprensible estourido de entusiasmo. A prata olímpica de Xavier Gómez Noya nunha das disciplinas máis duras destes xogos é froito da fortaleza, do tesón e do sufrimento, ao longo dunha década de adestramentos e competicións, dun atleta espectacular, mesmo capaz de superar unha doenza cardiaca ao comezo da súa andaina. Un grande éxito que culmina o camiño aberto no triatlón galego a finais dos noventa polo seu compañeiro Iván Raña. Ademais non podo agochar a simpatía por este nacho cando fala con tanto criterio sobre a súa relación co galego e coa súa utilidade nos entornos internacionais ou cando cruzou coa bandeira galega a meta dunha das Copas do Mundo que gañou. Marabilloume a foto que vin retuiteada por Xabier Cid do saúdo entre Xavier e o gañador, o inglés de Yorkshire Alistair Brownlee, ambos os dous esgotados. Unha demostración emocionante de «fair play» e afouteza, dous dos valores que máis admiro nos deportistas. Beizóns!
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir