Onte 321: Día da Patria Galega
Non foi o mellor 25 de xullo dos últimos anos. O BNG demostrou a súa indubidable fortaleza organizativa cunha das maiores manifestacións recentes. Pola súa banda, Anova e Compromiso expresaron o seu entusiasmo e determinación para renovar o discurso e a fórmula organizativa do nacionalismo galego. Todos os tres superaron cadanseu exame, a pesar de que onte o contido da materia era ben diferente para cada un deles. Porén, percibín nas rúas de Compostela que somos algúns os nacionalistas que consideramos esta mostra de desunión como un síntoma da incapacidade actual do nacionalismo galego para artellar unha alternativa verosímil á recentralización autonómica en marcha e aos recortes promovidos polo Partido Popular, unha situación de auténtica emerxencia. Tras este 25 de xullo, sigo crendo que recuperar a unidade nacionalista para participar nas Autonómicas, como mínimo baixo a fórmula dunha coalición electoral, é imprescindible para evitar outro novo retroceso. O teito do 5%, difícil de acadar para Anova e Compromiso (mesmo se concorren xuntos) e, sobre todo, a prevista baixada a 61 do número de membros do Parlamento (unha arteirada propia dun goberno trampulleiro) constitúen acicates para que ambas as tres forzas nacionalistas, a pesar das feridas abertas e das apreciables diferenzas dos seus proxectos, recuperen a unidade de acción electoral. Onte, a pesar de que tanto a manifestación como as concentracións foron concorridas (se ben cunha notabílisma diferenza a prol da do BNG), identifiquei rostros de tristeza en todas as tres. Volvín de Compostela preocupado sobre o futuro do nacionalismo galego.
Si, cómprelle moi moito a Galicia recuperar a unidade nacionalista para participarmos nas autonómicas, e agora aínda máis coa arteirada do PP de baixar a 61 os deputados do parlamento galego. Tal como di o seu presidente Feijoo, é para aforrar, mais non matiza, o moi malandrín, que é para aforrar deputados electos nacionalistas, pois co seu arteiro e oportunista cambio sairán menos e máis do PP. Elemental, querido Watson, Sherlok Holmes, que non era parvo, dixit.
Na coalición electoral deberían estar adeáis dos nacionalistas a EU e o PSdG, sempre que este derradeiro escolla como candidato a Caamaño