Onte 298: En vías de extinción
presentamos En vías de extinción, a máis recente novela de María Reimóndez. Un texto escrito cos fíos da vida, aínda que, como sinalou a autora, «non ten un carácter biográfico». Protagonizada por Gaia, unha profesional da tradución e interpretación cun sistema de valores desaxustado ás convencións vixentes, a novela constitúe unha procura da identidade, unha exaltación da singularidade e da diferenza. Sete especies de árbores (toxo, abeleira, uz, carballo, acivro, pradairo e castiñeiro), diferenciando en cada unha delas as vetas e a cerna (onde reside a memoria e a lingua da infancia e da familia), achegan esoutro conflito, o existente entre a sociedade urbana e un mundo que semella en vías ou perigo de extinción, o das formas de vida e cultura tradicional da montaña lucense, onde naceu a protagonista; un debate, en definitiva, sobre a biodiversidade e o futuro ecolóxico que nos agarda. Materiais textuais de diversa tipoloxía e procedencia, polifonia de linguas, variantes dialectais da lingua nosa, numerosas referencias literarias (especialmente aos Cantares gallegos de Rosalía) son elementos formais destacados dunha obra de prosa e estrutura moi coidadas. Na súa intervención, a autora definiu En vías de extinción como «un libro de raíz», o primeiro dun universo literario no que leva traballando e que terá continuidade: «Pretendín escribir unha obra sobre a diversidade cultural, sexual, lingüística e das formas de vida». María Reimóndez, leu tres fragmentos da novela, finalizando con aquel no que Gaia, a protagonista, confesa que «as persoas podemos ser tamén axentes ecolóxicos, temos formas sinxelas de erosionar, facendo a propia roupa ou cultivando o propio alimento, fuxindo deses lugares infernais de cemento, que axiña han ser ruinas sen nada que ofrecer». Unha novela interesantísima que recomendo moi vivamente.
Na dobre sesión do primeiro serán da Feira do Libro de Vigo
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir