Onte 265: Illa soidade
Xa perdín conta dos meses que ese home leva vivindo nun escaparate de Urzaiz, á altura da parada onde collo o vitrasa cada mañá. Camiña moi pouco, axudado por un caxato, apenas para botar algún lixo ao colector ou para baleirar no sumidoiro a botella dos seus ouriños. De cando en vez fala cun transeúnte ou con algunha das visitas amigas, que lle achegan unha peza de froita ou petisco para a súa frugal mantenza. Écheme moi difícil comprender que os servizos sociais do concello non coñezan a súa situación, como ignoro cales son as razóns polas que non acude ao albergue nin dato ningún sobre como chegou a esta situación terrible. A súa soidade, entre o rebumbio do centro da cidade, sexa día ou noite de movida, é pavorosa. Cando regreso á noitiña continúa envurullado entre os farrapos escoitando as tertulias ou os partidos nun cativo transistor. Quizais el poida explicar mellor ca min as razóns polas que onte subiu a prima de risco até o abismo. Cantas illas soidades, en tempos de desfeita social, existen nas nosas cidades como esta viguesa?
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir