Onte 1878: O regreso de Pedro Feijoo
Acompañei a Pedro Feijoo estes seráns pasados nas primeiras presentacións d´Os fillos do lume, a súa cuarta novela, na que afonda na historia da Guerra napoleónica de Galicia e desmonta os mitos acuñados en Vigo sobre o episodio bautizado como “A Reconquista”. Actos nos que conversamos sobre unha novela na que Feijoo recupera os personaxes de Simón Varela e Mariña Dafonta, protagonistas d´Os fillos do mar, coa intención de abordar o conflito entre absolutistas e progresistas aberto dende finais do século XVIII, esencial para entender tanto a orixe da fundación da cidade de Vigo como o devir da historia contemporánea de Galicia. Agarimado pola comunidade de lectoras, que aumenta con cada unha das súas entregas, Pedro Feijoo sorprende en cada intervención polo rigor e claridade do seu discurso histórico, froito dun moi concienciudo traballo de documentación, e polo seu entusiasmo reclamando unha nova historia para Galicia, que substitúa os mitos acuñados pola historiografía romántica.
A relevancia das localizacións no Vigo Vello, a intriga como motor dunha trama alicerzada sobre un caso de corrupción política e económica,os límites imprecisos entre a realidade e a ficción, as homenaxes á comunidade de lectoras por medio dos maqueos nalgúns personaxes ou a forma de entender o amor da parella protagonista son outros temas nos que os participantes nas conversas amosaron interese. Presentacións nas que, tamén, se fala da importancia para a narrativa galega actual de ampliar o perímetro do seu público, un feito no caso do novelista vigués que, como comprobamos en Ourense, A Coruña e Compostela, conta con lectoras en todo o país.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir