Onte 1827: Presentación de “Norteáns” de Mar Guerra
Excelente presentación na FNAC da Coruña de Norteáns, a gran novela castrexa de Mar Guerra. Foi Xosé Manuel Sande, o concelleiro de Cultura, Deporte e Coñecemento quen glosou unha obra histórica que relacionou coa Coruña, “unha cidade que recoñece as súas pegadas na historia, neste caso no mundo castrexo”. Gabou a novela de Mar Guerra e salientou que “aquí hai un traballo de documentación moi puído, un amor á precisión na composición dunha sociedade prerromana ao tempo que unha ficción que garante o entretemento na lectura”. “En Norteáns percíbese moito traballo e a posta en valor dun mundo que en boa medida descoñecemos como é a sociedade castrexa”.
Mar Guerra confesou que esta novela supuxo seis anos de traballo, “seis anos pelexando con este conto castrexo, que logo saíu un novelón”. Definiu Norteáns como “unha novela épica que retrata a perda da inocencia de Bris, o protagonista adolescente, mais tamén da sociedade norteá, de Nola, o seu castro máis coñecido. Unha novela sobre o que é medrar, evolucionar, elixir e, como di Sartre, perder”. “Esta novela é unha homenaxe ao ser humano, capaz de realizar as maiores fazañas e tamén as peores ultraxes”. “Nola é a cerna da novela, xa que recuperala, volver a ela é o que motiva a todos os persoanxes a vivir e a ser o que son”. “É, tamén unha novela de aventuras, o relato da construción dunha nova sociedade a partir do alzamentos dos presos lusos argolados”. “Mais é sobre todo unha novela de valores, comoa fraternidade, a liberdade e a solidariedade, tan necesarios no século I antes de Cristo como agora”. “Nola é Santa Tegra, pero podería ser Elviña. É unha metáfora de Galicia. Os norteáns somos todos nós”.
Rematou Mar Guerra salientando que Norteáns “é unha novela, non é unha ensaio histórico”. “En Norteáns hai unha procura da identidade, hai paixón, honestidade e loita de clases. Pretendín que a historia fose absorbente: Creo que se pode definir como un best-seller á castrexa”.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir