Onte 1794: Probas PISA e educación por ránkings

Ciencias_Pisa_2015

É unha boa noticia que os estudantes galegos de 15 anos mellorasen os seus resultados nas probas PISA de 2015, realizadas con anterioridade á implantación da LOMCE. En Lectura pasaron de 499 puntos en 2012 a 509, en Matemáticas de 489 a 494 e en ciencias mantiveron os 512 de 2012. Uns resultados que, grazas á caída das puntuacións do conxunto de países da OCDE, permiten a Galicia situarse nos tres ámbitos por riba destas medias internacionais, ademais de asumir posicións destacadas con respecto a outras Comunidades Autónomas, mesmo de maior nivel de renda, como é o caso de Euskadi. Uns resultados atribuibles, sen dúbida, ao esforzo do profesorado e ao éxito dalgúns programas educativos como a «Hora de ler» ou «Bibliotecas escolares», que de forma transversal contribúen ao desenvolvemento das competencias de comunicación lingüística.

PISA_2015_Lectura

Porén, non son todas boas noticias en PISA 2015, xa que a taxa de repetición de 15 anos continúa sendo en todo o estado moi elevada, vinte puntos por riba da media europea (non atopamos datos de Galicia), estando vinculada a cuestións socioeconómicas máis ca o rendimento do alumnado, o que afecta de forma negativa ao principio de equidade.

Tras os datos de cada un dos informes PISA consolídase un modelo onde a calidade dos sistemas educativos se mide polos ránkings de estados e comunidades nestas probas. Xerarquías confeccionadas a partir dos resultados obtidos polos seus alumnados nuns exames pagados por cada unha das administracións educativas e preparados (redactados, correxidos, e analizados) por Pearson, a primeira multinacional educativa do mundo.

Como xa apuntamos nunha anotación hai dous anos, PISA podería convertirse no árbitro global da educación no mundo. Como alertou nun artigo en The Guardian Andreas Schleicher, as probas de Pisa están promovendo «un modelo que pode matar o pracer de aprender», capaz de moldear as políticas educativas do mundo, imposto sen debate ningún sobre as necesidades ou as limitacións das metas educativas sinaladas pola OCDE. «Medir unha gran diversidade de tradicións educativas e culturais utilizando unha medida única, limitada, prexuizada, podería causar un dano irreparable ás nosas escolas e estudantes», sinalou o que é actual director de Educación da OCDE.

Un modelo educativo forxado por PISA, baseado na avaliación e no adestramento para superar exames externos, que está na cerna da LOMCE, sexa polas súas probas diagnósticas e reválidas (teñan ou non valor académico) como pola fixación dos estándares de aprendizaxe detallados por cursos, materias e competencias básicas. Un modelo eficientista que vai inoculando devagariño doses de estrés nos centros, no profesorado e no propio alumnado. E, como sinala Julio Carabaña, autor de La inutilidad de PISA para las escuelas, «esta dinámica supón un risco real de transformar o desexo de aprender no afán de aprobar».

Celebremos, pois, a mellora dos resultados galegos en PISA, mais non perdamos nin a perspectiva do que pode supoñer este modelo de avaliación nin de relativizar a súa importancia (desmesurada). Como non podemos perder azos para continuar traballando por un sistema educativo capaz de reducir as desigualdades de resultados do seu alumnado e o seu nivel de fracaso («abandono temperán»). No afán pola equidade e a inclusividade están algúns dos retos da escola galega do futuro.

0 comentarios

Dejar un comentario

¿Quieres unirte a la conversación?
Siéntete libre de contribuir

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *