Onte 1784: A heptaloxía de Ramón Caride
No serán de onte presentamos en Cambados O camiño da Estadea, a derradeira entrega da heptaloxía de Said e Sheila do escritor Ramón Caride. Un acto no que acompañaron ao autor Víctor Camaño, en representación do concello de Cambados, a historiadora Maribel Iglesias e o escritor Manuel Núñez. Mentres que Maribel Iglesias sinalou que esta última entrega da serie iniciada con Perigo vexetal «era máis social e cun maior contido moral cas anteriores», Manuel Núñez, detívose en analizar o mito da Estadea, «que obedece a unha necesidade humana da vida despois da morte, algo universal, presente en todas as culturas».
Pola súa banda, Ramón Caride expresou a súa emoción por remtar este proxecto, iniciado en 1995 coa publicación de Perigo vexetal, premio Merlín daquel ano. Lembrou con emoción a presentación na mesma sala de Exposalnés, hai case vinte anos, do segundo volume Ameaza na Antártida. Cualificou O camiño da Estadea como un libro de medo e terror. «Moito da escritura deste libro ven do que lin sobre a guerra dos Balcáns, onde ningunha vítima daquel conflito pode explicar o que alí sucedeu». Recordou como foi xestándose a heptaloxía, na que inclúe cinco novelas e dous relatos: «empeceina de forma inxenua, mais á altura do terceiro, O futuro roubado, que a pesar de concibila como unha serie futurista de ciencia ficción tiña que falar do presente. Grazas a posibilidade de viaxar no tempo puiden abordar temas como o do Prestige na cuarta das novelas A negrura do mar». Rematou sinalando que «O camiño da Estadea é unha novela dentro dunha novela, unha crónica familiar, que supuxo o regreso de Sheila e Said ao ano 2009 para abordar a ferida da guerra de Kosovo».
MANOLO: E NON SERÍA “2084”????