Onte 1783: “O inspector e mais eu” de Ignacio Vidal Portabales
Presentamos onte na Libraría Couceiro de Compostela O inspector e mais eu, a segunda novela de Ignacio Vidal Portabales. O crítico Armando Requeixo glosou unha obra que comezou cualificando de “estupenda novela dun autor que dende a publicación de Dióxenes en Dolorida descubrimos como unha poderosa voz para a nosa narrativa”, para engadir despois que “é moi de agradecer que chegue unha voz en plena madurez, aforrándonos as estreas titubeantes; é moi agradable que a literatura galega gañe efectivos da época máis madurecida”. “Como é moi agradecido e hixiénico para a literatura galega que non estea tan filoloxizada, contando con novos autores que chegan doutros ámbitos profesionais, como é o caso de Ignacio Vidal Portabales, especialista en Dereito Mercantil”.
Requeixo confesou que cando comezara a lectura de O inspector e mais eu decatárase de que era unha novela detectivesca, “mais non só iso. xa que ofrece unha profundidade de campo maior”. “Esta é unh anovela que ancora no sentimento do íntimo, de interioridades. É unha novela cunha dobre hélice, onde se retroalimenta o individual, representado nos personaxes de Sandra, Chus e o inspector Roque Barallobre, co colectivo, grazas á metonimia, que desvela que estes personaxes somos todos nós”. “O inspector e mais eu é unha novela psicosocial, que ofrece unha lectura crítica da intersección do mundo das mulleres e dos homes na sociedade que vivimos”. “Aquí hai un proceso de nivel de abstracción superior, Ignacio ofrece un efecto flou do tempo no que xoga, os nosos días e os nosos coetáneos, mais tamén do espazo que constrúe, Marende, un lugar deliberadamente desdebuxado, un lugar por adición, un lugar Frankenstein”.
Armando salientou “a capacidade aglaiante do autor para meterse na pel dunha muller, realizando na narración un auténtico salto fosbury, todo un reto do que Ignacio saíu con boa nota, xa que non cae nos extremos presentando unha muller con irisacións, coas grandezas e miserias dos seres humanos”. “O que pretende o autor é facer unha inmersión nas miserias do ser humano para cuestionar o que está ou non socialmente ben visto. Cuestionar o que é real e o que é aparencial. O que supón unha crítica á hipocresía social e ao pacto, ao politicamente correcto”. Requeixo gabou, despois, “o rexistro moi ben humorado de toda a novela, que destila o humor en todas as súas expresións: como ironía, retranca, sarcasmo ou parodia”. “Ignacio Vidal Portabales é un dos escritores galegos que mellor escribe o humor na narrativa, conseguindo sempre unha complicidade ben humorada”. “Tamén é esta unha novela sobre o amor, mais non un amor acaramelado”.
Rematou Requeixo sinalando que “a novela é interesante, tamén, pola súa estrutura de cremalleira, semellante a unha hélice de ADN, na que hai un auténtico xogo de buril co punto de vista”: “A novela está moi ben acabada, o cosido é finísimo, grazas a unha dobre costura que impide que haxa erros de Racord, puída até o último detalle”. “Cometeriades un pecado se non vos achegárades a esta novela, moi amena, divertida, cunha calidade de páxina asombrosa, que conta cun fraseo que tira da lectura. Ignacio Vidal Portabales é unha das achegas máis refrescantes da literatura galega dos últimos anos”.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir