Onte 1704: Ferrín e a paisaxe
Na anotación de onte non tivemos tempopara recoller a referencia que merece a intervención de X.L. Méndez Ferrín na presentación do Atlas arqueolóxico da paisaxe galega. Apenas vinte minutos maxistrais nos que o autor de Estirpe debullou o papel da paisaxe na cultura galega. Comezou sinalando que «este libro é coral moi afinado, orfeóinico, fálase de moitas cousas a diversas voces». Confesou, despois, que «a paisaxe é algo co que convivimos toda a miña xeración, grazas a que recibimos clase de Otero Pedrayo». «Case ningún dos poetas e filósofos da miña época deixaron de reflexionar sobre a paisaxe, parte constituínte e imprescindible do nacionalismo galego». «Paisaxe é unha palabra francesa de orixe latina, pagus, aldea, lugar onde viven e traballan os seres humanos. Paisaxe, pois, non é sinónimo de espazo natural. A paisaxe está máis preto de nós do que pensamos. A paisaxe está relacionada coa pintura, poesía e literatura. É un lugar onde acontece un feito, mais co Romanticismo convértese en algo en si mesmo. Hai un suxeito que contempla e interpreta o mundo que está fóra, intervindo sobre el, escribindo, pìntando, compoñendo música.»
«Dende o século XVIII, a natureza, así, está intervida polo artista. Mais na paisaxe romántica hai moitas ruínas, fonte de melancolía romántica, como tamén de megalitos e túmulos, que teñen que ver tamén co espírito romántico». Ferrín referiuse despois a teoría da paisaxe de Otero Pedrayo, «estremadamente semellante a que se desenvolve neste Atlas arqueolóxico da paisaxe galega. Para Pedrayo a paisaxe é o corazón dunha xeografía toda profanada polo home. A paisaxe é para el a natureza intervida, posta en valor polo ser humano. A paisaxe feita coa súas mans e coa súa suor polos paisanos. A dialéctica coa natureza é un dos aspectos esenciais da construción do home.»
Continuou Ferrín sinalando que «entender a paisaxe como a entenden os autores deste atlas é a forma de entender o noso entorno de xeito que lectura do noso pasado nos prepare para o que pode ser o noso futuro. Esta é a arqueoloxía do noso tempo. Estes autores están na vangarda deixando atrás outras formas de facer arqueoloxía e facer paisaxe.» «O que nos ofrece este libro é unha fonte de reflexión, unha incitación a comprender o noso entorno. O gran complexo agrario está presente na paisaxe que é unha magnífica escola de intervención.» Rematou Ferrín referíndose ao título de “atlas”, que moi ben lle acae a unha «obra que ofrece un novo mapa cognitivo, xa que nesta obra hai un elemento teórico profundo, mais tamén un elemento plástico que nos axuda a comprender enigmas comos os dos petroglifos ou o do hórreo e as súas múltiples variantes.»
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir