Onte 1683: Diálogo dos poetas Rafael Cadenas e Anxo Angueira
Acompañei a Anxo Angueira no diálogo que mantivemos onte en Vigo co poeta venezolano Rafael Cadenas. Tras a recollida do Premio Internacional de poesía Federico García Lorca, outorgado polo concello de Granada, o autor do mítico poema “Derrota” (1963), unha das grandes voces da poesía española das seis últimas décadas, dialoga cos poetas galegos nunha xira organizada por A Fundación.
Comezamos a conversa falando da vixencia de “Derrota”, un poema que Cadenas definiu como “moi confesional e circunstancial, xa que tiña que ver tanto cunha situación persoal moi difícil, unha depresión, e cunha situación política moi concreta, a da derrota do movemento guerrilleiro, co que hoxe estou en absoluto desacordo”. “Non coindido co poema hoxe nin o poema coincide comigo”. A seguir Angueira e Cadenas falaron da importancia das palabras e do idioma como materia prima do poema. “As palabras recobran o seu valor no poema”, sinalou o galego, ao que engadiu Cadenas que “as palabras precisan tamén do necesario silencio para sosterse”. Angueira salientou que na obra de Rafael Cadenas percibía “unha rectitude nova, unha limpeza no uso das palabras”.
Cadenas e Angueira coincidiron no litixio existente entre a realidade e a realidade poética, un conflito que para o poeta venezolano ten que dirimir o lector, “é imprescindible contar coa súa participación e coa súa experiencia, o lector completa o poema, o lector ten que ser dalgún xeito tamén poeta”. Angueira lembrou o poema de Luis Pimentel, “a poesía é o gran milagre do mundo” para salientar o papel da función poética, o que completou Cadenas sinalando que “somos indispensables para que haxa mundo, sen sentidos, sen percepción non hai mundo posible”. Tirando dese fío Anxo Angueira citou (e recitou con emoción) a cantiga de Mendinho, capaz de crear unha literatura, a galega, o que supuxo unha descuberta para o noso convidado.
Rematou a conversa, na que Cadenas mesturou a lectura de poemas dos seus dous últimos libros, Sobre abierto (2012) e En torno a Basho y otros asuntos (2016), publicados ambos os dous por Pre-textos, falando sobre as relacións entre a poesía e a filosofía e sobre os aforismos ou “dichos” presentes en toda a obra do poeta venezolano. Cadenas confesou que “concibía moitos dos seus poemas e dos seus aforismos como recados para o poder”, “non me gusta utilizar a palabra ‘mensaxe’ en poesía, prefiro ‘recado’, xa que a elección da palabra precisa ten que ser un empeño do poeta”. Referiuse Cadenas, por último, a relación entre pensadores e poetas, como Goethe con Spinoza ou Dante con Tomás de Aquino, “detrás de cada poeta hai un pensador”. O ciclo de Cadenas en Galicia seguirá hoxe na Coruña, en diálogo co xornalista e escritor Luís Pousa e a poeta e editora Dores Tembrás,
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir