Onte 1630: O noso derbi
Na Coruña falei onte con algúns amigos cascarilleiros do noso derbi. Coincidimos na necesidade de superar o modelo de antagonismo visceral daqueles derbis de entre séculos e substituílo por unha exixente competencia deportiva de dous adversarios orgullosos da súa condición de primeiros cadros galegos. Coincidimos, tamén, que non é doado achegarse a este modelo de «derbi vasco», xa que cómpre superar aínda prexuízos e resistencias como as expresadas ao longo da semana en comentarios e declaracións saudosas daqueles tempos da guerra de Leri contra Lendoiro e Vázquez.
Desenvolver esta nova cultura para o noso derbi exixe, en primeiro lugar, que sexa asumida polas directivas, cadros de xogadores e técnicos, como polos colectivos de peñistas de ambos os dous clubes. En segundo, require da responsabilidade, temperanza e bo criterio das alcaldías, dos políticos e dos medios de comunicación de ambas as dús cidades. Xaora, esta nova cultura do derbi galego precisa, ademais, da existencia de mediacións culturais e sociais capaces de artellar actividades que poidan ser compartidas e sentir como propias as dúas afeccións. É imprescindible refacer unha memoria común de case 75 anos de derbis e unha historia de dous equipos que chegaron mesmo a trasvasar xogadores (como Pahíño, Vicente Celeiro ou Djorovic) e adestradores (como Irureta, Lotina ou Fernando Vázquez).
Por razóns de traballo non poderei acudir esta noite ao estadio, o que moito lamento. Sei que me emocionaría cantando o himno galego no Campo do Fragoso con tantas voces amigas que comparten o orgullo do noso derbi. Canto menos, agardo o mellor resultado para que o Celta continúe enguedellado na súa angueira de regresar á competencia europea.
Co ben que ía, e que mal o rematou! 😉
Sorte a partir de hoxe. Pensé que así os do Coruña salvámonos!! 🙂