Onte 1484: Dispensadores literarios
Lin onte unha noticia de fomento da lectura que me pareceu moi curiosa. O concello de Grenoble, a capital dos Alpes franceses, instalou en varios espazos públicos oito máquinas dispensadoras de textos literarios coa intención de fomentar a lectura entre a súa cidadanía. A iniciativa naceu nunha pequena editora dixital, Short Edition, que coa intención de imitar o funcionamento das máquinas dispensadoras de bebidas ou chocolatinas, desenvolveu unha impresora que funciona como un dispensador literario de textos cuxa lectura estimada está entre os tres e os cinco minutos. Este distribuidor de historias curtas, mais que tamén poden ofrecer poemas ou mesmo cómics breves, ofrécese como alternativa de lectura pública e gratuíta ao emprego dos soportes dixitais. Por ventura, aínda non está todo inventado en cuestión de fomento da lectura. Esta de Grenoble é unha iniciativa a desenvolver e da que tirar partido en espazos públicos como as consultas externas dos hospitais, transportes públicos, bibliotecas e outros espazos de lectura.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir