Onte 1417: Alto do Fiouco
Regresando de Santander pola A8, o paso polo temible Alto do Fiouco, entre o lusco e fusco posterior ao solpor, coincidiunos cun moi espeso neboeiro. A experiencia foi ameazadora, propia dunha película de medo para a que non sacamos entrada ningunha no despacho de billetes. A pesar do túnel de luz creado polos sinalamentos laterais e na propia vía, a situación deste treito de dez quilómetros da A8 entre a Xesta e o Arroxo, vixiado por un radar de tramo, é absolutamente inconcebible, xa que continúa sendo unha inadmisible ameaza para a seguridade vial. Máis alá das razóns que levaron ao Ministerio de Fomento a trazar tan alta a autovía, nunha zona onde, sexa verán ou inverno, o contraste de temperaturas entre a Corda e a Mariña e o vento nordés provocan unha espesa néboa, é imprescindible procurar unha solución, que non sexa a de interrumpir decote o tráfico e evitar que os condutores e condutoras leven durante un cuarto de hora o corazón na man.
A Corda, mágoa, bótalle a culpa á brétema
No recanto da Corda á Mariña
aconteceu a enxurrada
non che amosan moito caletre
para expoñer a labazada,
rexeitan o coidado
desprezan a prevención
agás se perder vidas
á eiva non lle pon atención,
o consello do que manda
se cinxir a precaución
quen polo Alto da Xesta anda
ben o saber da cuestión,
na pescuda da expiación
os trampóns latrican a eito
só lles merecer compaixón
madía leva co feito,
a falla de persoal
non é unha boa razón
nen a névoa mesta no Arroxo é casual
nen o por de relevo ten perdón,
deixalo da man da prudencia
é ollar pra outro lado
espallar a condolencia
vaia, o xuízo non acado,
nunha actitude noxenta
amolarnos coa inseguridade
méntenos a mantenta
pra fuxir da súa responsabilidade,
a endeita xaora
coa ousadía do momento
a súa teima arestora
é avaliar a desfeita,
no curuto do Fiouco
vintesete anos despois
sete Ministros, que non é pouco
velaí a pantasma de Angrois.