Onte 1415: «Charlotte» de Foenkinos
Gocei coa lectura de Charlotte de David Foenkinos, a biografía sobre a xove pintora xudía gaseada en Auschwitz en 1943. O grande acerto do autor está na elección dunha narración minimalista, sen descricións nin acoutacións, construída con frases que non ocupan nunca máis dunha liña, na que se insire como unha segunda voz a do narrador para expresar o seu asombro no proceso de escritura desta autobiografía de Charlotte Salomon. Foenkinos consegue un poema narrativo de 200 páxinas, unha novela do holocausto que o lector le conmovido coma se se tratase dun himno de exaltación das artes (pintura, teatro e música) que cultivou a artista durante os anos da ocupación nazi. Ademais do impacto do relatado, unha historia familiar na que se desvelan dolorosos segredos, o narrador rende ao lector coa elección acertadísima do punto de vista e o xogo de voces narradoras. Charlotte é unha novela de lectura aditiva e cativadora. Unha lectura moi recomendable para a formación de novos lectores e lectoras literarios.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir