Onte 1387: «A boca da terra» de Manuel Rivas
Mandamos onte a fabricar A boca da terra, o novo poemario de Manuel Rivas. Un libro de 56 poemas de natureza insurxente, organizado en tres seccións: «A terra que se esconde», «A báscula de Ohio« e «Oracións funebres». En palabras de Manuel Rivas trátase de «páxinas onde a natureza fala, murmura, berra ou xura con ironía no eco das campás. Tamén se agocha nas ruínas e aluca, sentinela, o pasar dos camiños. Lembra e soña: corren por estes eidos cabalos de cores insubmisas, a liña do horizonte está á espreita dun temporal de bolboretas. Esa natureza insurxente abrangue as persoas humanas e non humanas, e mesmo as máquinas: a báscula de Ohio que pesa cousas e emocións, o rancor dos tractores nas granxas abandonadas… E abrangue a linguaxe, as palabras que, como velairiñas arredor da lámpada, loitan contra a extinción, desvelan un misterio e crean outro, como corpos que se agochan en almas» A boca da terra será presentado nun recital na Feira do Libro da Coruña, o 4 de agosto, ás 20.45.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir