Onte 1346: Editores de texto
Non puiden evitar a miña perplexidade cando lin onte no Livreshebdo que os editores de texto franceses tiveron como mínimo un ano para preparar os novos libros do curso que comezará no vindeiro mes de setembro. Non somos tan afortunados os editores en lingua galega que dispoñemos para facelo de menos de dous meses desque coñecimos os borradores do currículum de ESO e BAC e a data fixada pola Consellaría de Educación (15 de xuño) para que o profesorado estableza as súas prescricións. Un tempo claramente insuficiente, máis aínda cando este proxecto de currículum foi rexeitado polo Consello Escolar de Galicia e agarda polo ditame do Consello Consultivo para a súa aprobación definitiva polo Goberno e publicación no DOG, moi probablemente despois da data fixada ao profesorado para realizar as súas eleccións. Un trámite currícular, ademais, incompleto, xa que se descoñecen os borradores dos contidos dalgunhas das materias de configuración autonómica e as orientacións para a preparación das reválidas. Non deixa de ser paradóxico que Galicia, a pesar de defender ao pé da letra o contido da Lei Wert, sexa unha das comunidades máis atrasadas no currículum LOMCE, cos prexuízos e confusión que isto provoca na comunidade educativa e no sector editorial. Cando nos reunimos os editores de texto todos coincidimos en que semella que neste eido a Consellaría de Educación pretende que fagamos a cuadratura do círculo, xa que se implanta tamén un novo modelo de gratuidade parcial de libros de texto (que tampouco coincide no seu calendario coa realidade da modificación dos materiais didácticos) e un modelo de dixitalización educativa que, polo momento, exclúe ao sector editorial e impide a liberdade do profesorado de elixir os recursos didácticos. Aspira Feijoo algún día a ser o novo ministro de Educación e Cultura?
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir