Onte 1341: Candidatura galega
As novas de onte convidan a certo optimismo xa que semella posible unha Candidatura galega para as Xerais de novembro. O feito de que a proposta dunha candidatura de unidade galega, baixo a fórmula dunha frente, plataforma ou candidatura cidadá, sexa defendida tanto polo BNG, Compromiso por Galicia como por Anova e os integrantes das Mareas, abre unha xanela de esperanza para que Galicia manteña a representación en Madrid e acade minorías de seu no Congreso e no Senado. Un obxectivo fulcral nun momento decisivo para o futuro de Galicia como suxeito político. Sei que non é doado artellar unha candidatura potente, plural e transversal, capaz de representar a maioría social do país, organizada sobre un programa que recupere as posicións orixinais sobre o autogoberno galego e as liberdades e dereitos civís. Xaora, a precariedade actual de Galicia exixe ás organizacións políticas conxugar o verbo «compartir» e á cidadanía o de «participar». Unha Candidatura galega para as Xerais é posible.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir