Onte 1197. Lingua prioritaria e de referencia para Abanca
O compromiso de Abanca de utilizar o galego como a lingua prioritaria e de referencia nas súas comunicacións cos clientes, reiterado en Twitter, constitúe un feito tranquilizador. A actuación corresponsable de numerosos clientes da entidade denunciando nas redes sociais o seu malestar por unha modificación dos criterios do banco adquirido por Juan Carlos Escotet sobre a lingua prioritaria dos seus soportes publicitarios e da documentación utilizada en Galicia abondou para que os seus responsables comprendesen que esta non é unha cuestión que poida quedar ao criterio das campañas de «marketing» ou «comunicación», senón para considerala como un dos principios da posición orixinal da entidade.
A utilización do galego como lingua de referencia é fulcral para o éxito do negocio de Abanca en Galicia, sobre todo para reforzar o seu posicionamento, probablemente aínda fráxil, no liderado do mercado da banca minorista, monopolizado no seu día polas desaparecidas caixas galegas. Xaora, Abanca aínda ten moito por facer neste seu compromiso coa utilización do galego na súa actividade comercial e corporativa, como no apoio decisivo que pode achegar ao seu fomento e patrocinio da creación cultural no noso idioma. O caso que comentamos amosa, ademais, que o futuro da lingua dependerá do compromiso que na súa defensa cada un dos seus falantes estea disposto a manter, iso que podemos chamar «vigor cívico da resposta galeguista».
A ver se cunde o exemplo. A ZARA envíaslle un mail escrito en galego e respóndeche en castelán. Envíaslle unha carta… e nin responden. Eu levo dous anos agardando resposta.