Onte 1163: Culturgal de todos e todas
A dous días de abrir as súas portas, a programación de Culturgal 2014 continúa compartíndose en facebook e twitter como un exercicio necesario de corresponsabilidade entre organizadores, expositores, artistas e públicos. Unha xenerosidade que achega azos ao equipo de traballo de Culturgal que se afana nestes días cos derradeiros preparativos. No entanto, sabemos que todos os esforzos de difusión son necesarios para animar a viaxar a Pontevedra esta fin de semana aos máis indecisos. Aí a importancia que lle damos ao acordo de Culturgal con Renfe do que poden beneficiarse os participantes e visitantes da feira (un desconto do 30 % no prezos dos billetes). Como tamén cremos imprescindible a incorporación da lingua de signos no acto oficial de inauguración da Feira e na realización de visitas guiadas como un esforzo por rachar barreiras. Xaora, o arranxo por vez primeira dun espazo de lactancia, do Espazo Bebés e dunha programación específica para os que levan cueiros expresa a vontade de Culturgal de ser unha feira das industrias creativas onde cada un dos públicos teña o seu espazo e a súa referencia. Agradecemos o último pulo publicitario para que ninguén quede sen noticia deste Culturgal de todas.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir