Onte 1126: A novela de Ferrol
Acompañamos onte a Jorge Llorca na presentación d’ O violín de Rembrandt en Ferrol. A libraría Sargadelos encheuse para escoitar os discursos de Eduardo Fra Molinero e o autor, vellos amigos ferroláns, sobre este Premio Blanco Amor de novela no que as artes e a cidade de Ferrol teñen un grande protagonismo.
Comezou Eduardo Fra referíndose ao «humor paveiro, moi de Ferrol, que impregna toda a novela, unha retranca moi especial que creo só se dá ao final do Noroeste». Confesou, despois, que sentia proximidade do protagonista, «ese profesor de Historia da Arte que vai poñendo diapositivas, lembroume os silencios que se producían nas miñas clases cando proxectabamos cadros de Veermer, o que eu denomino pintura silenciosa». «Ese personaxe entra con moita initimidade no lector, vive nunha cidade na que chove moito, refuxiándose en espazos bastantes íntimos, cantinas, bares, tascas e cafetarías. Unha cidade de interiores como é a nosa, Ferrol. Interesoume este profesor, quizais por identificación setimental, mais tamén polo feito de que procurase o refuxio na arte como profesional, mais tamén como vivencia, xa que na arte, como noutras dimesións da economía, cómpre diferenciar entre valor e prezo». «Dámoslle o mesmo valor a un violín se sabemos ou non que é un stradivarius? Ou a un cadro se é un Rembrandt?»
Continuou Eduardo Fran confesando que lle impresionaran «algunhas descricións das paisaxes ou a narración de situacións moi divertidas, como a da carreira de cabalos que semella unha sublimación da feira do trece». «Como tampouco puiden quitarme da cabeza cousas referidas á visión que tiñamos da nosa cidade, nas que semellaba escoitar ao autor nas nosas conversas de hai anos, onde estaba moi presente esta ollada especial con ese humor paveiro. Nesas conversas aprendín o significado da palabra “chambón”. Dende aquela sei que aquí en Ferrol, como sucede na novela, podía aparecer nalgún chambón un stradivarius, por que non?»
Rematou Eduardo Fra facendo unha reflexión sobre a percepción que existe de Ferrol, «unha cidade da que constatemente se escoita falar mal». «A novela de Jorge conta como se fose un psiquiatra todas as intimidades, frustracións, emocións, todas as ensoñacións desta cidade. Como historiador sei que iso só se pode facer dende as novelas. Conseguiuno Torrente para representar o Ferrol da década dos corenta na Voda de Chon Recalde, consígueo agora Llorca n’ O violín de Rembrandt para representar o Ferrol de finais dos setenta.» «Sei que todas as cidades teñen novelas que van explicando o seu corazón íntimo. O violín de Rembrandt ofrece o de Ferrol. Sei que esta novela vaille tocar a fibra a moitos ferroláns. Recoméndoa moito.»
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir