Onte 1081: Gastrocultura galega
Creo que este 2014 vai ser o ano da popularización da gastrocultura galega. O éxito dunha nova xeración de restauradores galegos que apostan pola innovación e pola excelencia, o pulo das cervexas artesanais e doutros produtos alimentarios de calidade, a incorporación da lingua galega á etiquetaxe dos nosos viños, o aumento espectacular de blogs gastronómicos e da produción de libros de gastronomía en galego (en tempos de crise editorial) son síntomas apenas de que algo se move na nosa gastrocultura. Como tamén o feito de que a Fundación Premios da Crítica Galicia, tras trinta e cinco anos de continuidade, vaia fallar o vindeiro 11 de outubro o seu primeiro premio na modalidade de «Cultura gastronómica» ou que Culturgal, a feira das industriais culturais que se celebrará en Pontevedra do 5 ao 7 de decembro, anuncie que un dos seus eixos temáticos será o da gastrocultura. Lecturas que alimentan, concertos con copa, teatro para comer, gastronomía sonora, showcooking…, iniciativas todas nas que conflúen a gastronomía e a cultura. A ter moi en conta.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir