O mercado do libro galego, datos de 2007
Deuse a coñecer, como é adoito con motivo da inauguración de Líber, o estudo do Comercio Interior do Libro preparado pola Federación de Gremios de Editores de España. Debullando a faramallada de datos de 2007 (pódese baixar en pdf), adianto algúns dos máis significativos referidos ao mercado interior do libro en galego (no que observamos algunhas importantes incoherencias, o que, adianto, pode facelos pouco fiables):
–No pasado ano publicáronse en Galicia 3.376 títulos (un importante crecemento) e 1.780 en galego (un decrecemento do 1,33%). A edición en galego decrece, a edición en Galicia aumenta.
–O sector privado d0 libro galego fabricou en 2007 case tres millóns de exemplares e facturou 31,89 millóns de euros (o 19,22% da totalidade do mercado do libro en Galicia: 165 millóns). O catálogo histórico supera os 26.000 títulos editados, dos cales, afortunadamente, once mil están vivos no mercado.
–As tipoloxías de edición educativa e infantil e xuvenil continúan sendo as principais da edición en galego. En 2007, o libro de texto supuxo o 33, 3% dos títulos editados, o 30,7% dos exemplares fabricados e o 44,1% da facturación do sector. Outrosí sucede co libro infantil e xuvenil: o 28,8% dos títulos editados, o 37,5% dos exemplares fabricados e o 14,7% dos libros vendidos. Deste xeito, no pasado ano, acentuouse o imparable proceso de paraescolarización do sector editorial en galego, xa que os produtos comercializados ao abeiro do sistema educativo non universitario (sen engadir os dicionarios, outra trabe da edición en galega, o 17% das vendas) supoñen o 62,1% dos títulos editados, o 68,2% dos exemplares fabricados e o 58,8% da facturación do sector.
–Os editores privados galegos publicamos 266 títulos literarios (entre novidades e reedicións, dos xéneros narrativo, poético, dramático e ensaístico), cifra que supón o 16,38% da nosa oferta, imprimimos 432.000 exemplares (o 14,55% do total) e, segundo a nosas estimacións (corrixindo os datos, claramente trabucados do estudo) unha facturación de 3,45 millóns de € (o 10,89% do total en galego e apenas pouco máis do 2% do mercado do libro en Galicia). Estes datos supoñen un pequeno retroceso do libro literario en galego con respecto ao ano 2006, xa que se publicaron menos títulos (pasouse de 314 a 266) e, a pesar de manter o número de exemplares fabricados (aumentou a tirada media), a facturación reduciuse previsiblemente en catrocentos mil de euros (pasando de 3,80 millóns de euros a 3,45). Sen dúdiba, un certo paso atrás!
–O catálogo literario vivo en galego dos editores privados acadou no ano 2007 os 3.364 títulos (o 29,43%), dato moi significativo, xa que supón que un de cada catro libros dos fondos das librarías ou existentes nos seus almacéns é deste carácter.
–Dentro da oferta literaria, a narrativa en galego é o xénero sobranceiro. En 2007 publicáronse 136 títulos narrativos (o 8,3% da oferta), fabricáronse 248.472 exemplares (o 8,3% da produción) e facturáronse 3,0 millóns de €, achegándose ao 10% de todo o mercado en galego. A tirada media dos títulos de narrativa en galego foi de 1.827 (fronte a 1.829 do conxunto do sector galego, 1.627 do libro literario, 1.176 de poesía, mais moi lonxe da media da edición española de narrativa, 7.630, aínda que superior á da narrativa en euscaro, 1.193).
–O mercado da narrativa en galego, sendo a dimensión principal do mercado literario de noso, con máis de douscentos cincuenta mil exemplares vendidos, supón apenas o 1,8% do mercado do libro en Galicia (non esquezamos, 165 millóns de euros). Esta é a dimensión real do mercado da narrativa en galego (inclúe obra orixinal e traducida) que debe competir co xigante dunha edición en castelán que factura 573 millóns de €, vende máis de 56 millóns de exemplares e supón o 18,4% do mercado do libro en España. Unha batalla moi desigual entre David e Goliat.
–O mercado do libro en Galicia é o 5,3% do mercado español, o que supón un crecemento do 0,3% con respecto ao ano anterior. Un dato positivo para as nosas políticas de lectura. No entanto, se consideramos que a poboación galega supón o 6,6% da poboación española, continúa existindo un déficit de 1,3%. Noutras palabras, consumimos en Galicia vinte e un millóns de euros menos en libros do que nos correspondería.
–As librarías continúan sendo a canle privilexiada de comercialización para o libro galego (o 40,4%), aínda que perden moito terrreo con respecto ao ano anterior (máis de dez puntos).
Nas próximas semanas coñeceremos datos máis desagregados do estudo encargado pola Asociación Galega de Editores. Daquela poderemos tirar conclusións máis definitivas.